FESTAS DE XANEIRO NA REXIÓN DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre
(falaceibe@yahoo.es).
Principiamos un feixe de artigos sobre as festas da nosa rexión do Bierzo. Queremos traer eiquí a relación de festas populares. Trataremos de abranguer as festas patronais das nosas grandes vilas e cidade de Ponferrada. Pero faremos especial fincapé nas máis pequeñas, nas que teñen logar nos pobos e barrios, así como as romarías das nosas pequeñas ermidas, é dicir, as máis descoñecidas e minoritarias para o público en xeral.
FESTAS POPULARES DE SAN ANTÓN LACONEIRO.
Neste tempo de invernía tocan as festas do mes de xaneiro. Comezamos coas festas máis importantes de San Antón laconeiro ou San Antonio Abad e mailo Santo Tirso. Nos últimos tempos estas festas decaen en celebración pola forte emigración dos pobos para as cidades. Eran festas agrogandeiras que perden a súa funcionalidade. Tamén porque o valor das crenzas relixiosas merma no coletivo social. Velaí a razois de que cando a festa non cae na fin de semana a perda asistentes.
Por suposto, nas xeiras pretéritas era moi importante a posesión dos animais, como forza de labor (bois, vacas, cabalos, mulos…) e mailo alimento (ovellas, cabras, gochos…). Resultaba fundamental mirar pola boa saúde dos animais da chamada facenda. Ademais a presenza dos actuais veterinarios profesionais era escasa no medio rural. Razón pola cal ante as enfermidades dos animais había que acudir aos curandeiros, aos remedios caseiros e tamén ao abeiro da igrexa católica. Neste último caso temos o exemplo de San Antón laconeiro, protetor dos animais segundo a tradición católica. Velaí que a igrexa ofreza a bendizón dos animais.
Na rexión do Bierzo temos os casos de Cacabelos, Toural de Meraio e Calamocos. Na vila do Cúa bendícense os animais na igrexa. En Toural hai rifa dos produtos da matanza para pagar arranxos da igrexa do Salvador (2016). En Calamocos ten lugar a chamada “rifa do gocho de San Antón” no adro da súa igrexa. Despois da procesión ten lugar o sorteo do gocho. Tamén se subhastan outros produtos curados do gocho, a saber, careta, orellas, patas, etc. Por suposto, os cartos sacados destas subhastas eran para o cura da igrexa. Eiquí temos a razón do sobrenome de San Antón, laconeiro, produto que era para os curas.
En moitos pobos bercianos a tradición desta festa se relacionaba co gocho de San Antoniño. O cura do pobo tiña asignado un animal, ao cal poñía unha cinta distintiva. O dito marrau alimentábase ceibe por todo o pobo. Todos os viciños tiñan a obriga de alimentalo. Se o animal arribaba na porta dunha casa, os seus propietarios debían darlle comida. Cando o gocho estaba ben gordiño tiña lugar a subhasta ao mellor postor. Os cartos desta subhasta servían para pagar as misas da igrexa que así se beneficiaba da festa relixiosa (Manuel Rodríguez y Rodríguez, Etnografía y folklore del Bierzo Oeste-Suroeste).
Lugares con semellante tradición de San Antón tiñan Requeixo e A Valiña, así coma Matalavilla. Outra tradición era o reparto de panes ou cotinos. No pobo de Vilela, celébrase San Antón co encendido da fogueira e asadura de chourizos e panceta, rematando a festa cos bailes. Outros lugares que teñen esta festa son Moral e A Portela de Valcarce, As Veiga do Seo e Moldes no concello de Barxas, Candín, Arlanza, Visuña, Noceda na ermida de San Antonio Abad, no seu barrio de San Pedro, Horta xunta Vilafranca e Perexe do Valcarce, A Ponte de Domingo Flórez, Santa Cruz de Montes, Villar de los Barrios, San Juan de Paluezas e Rodrigatos de las Regueras. En Cacabelos e Toural de Meraio aínda hai bendizón dos animais. E queda na Carballeda o pobo da Medua. En Villar de las Traviesas os viciños levan as partes da matanza como ofrenda parea poder pedir un bo ano.
Para rematar con San Antón laconeiro traemos estas cantigas populares: “Meu santiño San Antón, san Antón o cacholeiro, caseime por san Antón, volvín á casa solteiro” e “San Antón, san Antoniño, dáme forza no carallo, como ó porco no fociño”. Para máis información consultar o artigo de Héctor Luís Suárez, "San Antonio ´lacoeiro` por El Bierzo", semanario Bierzo 7, 15 de xaneiro de 2004.
Refraneiro relacionado con S. Antón. “Dende San Antón (17 de xaneiro), unha hora máis de sol”. "Por S. Antón un día máis", "Polo S. Antón a boa galiña pon, e pola Candela (2 febreiro) a boa e a mala". “En San Antón a galiña pon, e polas Candelas todas elas”. “Ata san Antón (17 de xaneiro) Pascuas son”. “Por S. Antón non hai néboas que cheguen ás dúas” (as néboas son só mañaneiras).
FESTAS BERCIANAS DE SANTO TIRSO.
Santo Tirso tamén é protetor, neste caso dos humanos, pois cura as enfermidades reumáticas e de ósos. Nas nosas terras tan humidas polas continuas chuvieiras invernais este santo tiña moito traballo para máis devotos. Velaí a sona que conseguira co decurso secular a festa local de Santo Tirso en Vilafranca. Xentes labregas de todo O Bierzo acudían á vila do Cúa na procura do seu abeiro. Nos tempos da economía agrogandeira calquera podía facer o esforzo de ir para Vilafranca nese día. Hoxe, todo trocou, os profesionais doutras poboacióis deben cumprir coas súas obrigas laborais e non poden acudir á festa local de Vilafranca.
En Vilafranca do Bierzo toda a celebración relixiosa parte da igrexa de San Francisco. Os devotos que suben pola costa na procura do santo e da súa misa. Dentro da igrexa, os vellos fregueses mercan estampas das imaxes e velas para encender a Santo Tirso. Nesta ocasión tampouco faltan os cabezudos e os sons das gaitas na praza do concello que agardan a baixada do santo local. Os foguetes rachaban o ceo nubrado, ás doce do mediodía, para anunciar a festa e espertar aos vilafranquinos trasnoitadores. Os derradeiros rescoldos da gran fogueira da noite pasada fumean aínda.
Na nosa rexión do Bierzo, outras pobos que honran a Santo Tirso temos en San Vicente de Arganza, Turienzo Castañero, Cobrana de Congosto, Sancedo con procesion, Trabadelo, Barxas, Robredo de Losada, Quilous, Lumeras, Paradiña, Lombillo na capela da Soledad, Ponferrada na igrexa de San Andrés, A Barosa, Oteiro de Fabeiro e Santo Tirso de Cabarcos na comarca de Aguiar que ademais contaba coas súas feiras do 11 e 27 de cada mes. E salientamos o peculiar caso de San Justo de Cabanillas porque eiquí ten lugar o chamado “aserrado”. Esta tradición consiste en que os enfermos de ósos e da reuma que acuden a Santo Tirso amosan as súas partes doentes do corpo para que sexan aserradas pola serra de madeira do cura. Estes cortes simbólicos da enfermidade permiten a curación desas partes do corpo. Tamén existe o pobo de Santo Tirso no concello da Veiga de Valcarce.
Fóra das fronteiras da nosa rexión berciana temos as festas de Santo Tirso en Lardeira na Carballeda, O Castelo en Rubíá, Veigamuíños, Cesures e Vales en Valdeorras. San Fabián (20 de xaneiro) en A Chana.
Refraneiro de Santo Tirso na rexión do Bierzo. "Santo Tirso de Quilous por bailar perdeu os bois, Santo Tirso de Barosa por bailar perdeu a bolsa, Santo Tirso de Cabarcos por bailar perdeu os cartos, Santo Tirso de Magaz de Arriba por bailar perdeu a barriga, Santo Tirso de Carracedelo por bailar perdeu o velo". "Santo Tirso lacoeiro, vintaoito de xaneiro, come tripas de carneiro, mal cocidas, mal lavadas, que lle pingan polas barbas" (Alicia Fonteboa, Literatura de tradición oral en El Bierzo, 1992)
OUTRAS FESTAS MENORES DE XANEIRO.
San Xulián (7 de xaneiro) en Portela de Aguiar, Oencia, Oteiro de Toural dos Vaos, Molinaferrera da Somoza astorgana e en Casoio na Carballeda. E San Vicente (22 de xaneiro) celébrase en La Granja do Bierzo, Borreis, Melezna e Cadafresnas, Carballeda e San Vicente de Leira en Valdeorras. San Sebastián (20 de xaneiro) en A Chana, Viladepaos e Viladequinta na Carballeda. Santa Inés (22 de xaneiro) en Sorribas de Toural dos Vaos. San Raimundo de Peñaflor (7 de xaneiro) en Congosto. S. Pablo (25 de xaneiro) en Orellán. Campelo o 3 de xaneiro. Santo Tomás de Aquino (28 de xaneiro) en Magaz de Arriba. Respecto a San Xulián (tamén 28 de xaneiro) hai o pobo de San Xulián de Valcarce e mailo barrio de San Xulián en Ferrarías-Herrerias de Valcarce. Por San Ildefonso (23 de xaneiro) hai festas en Camponaraia . Tamén festa no barrio de Enriba en Paradela do Río (30 de xaneiro).
FESTAS NA COMARCA DA CABREIRA.
En Santa Eulalia da Cabreira tiñan festa patronal para o 10 de xaneiro. San Ildefonso (23 de xaneiro) celébrase en Castroquilame.
REFRANEIRO BERCIANO DOS SANTIÑOS DE XANEIRO
“Por S. Vicente (22 de xaneiro), o inverno perde un cliente” (a friaxe provoca falecementos). "Polo San Vicente, nin casa nin calello onde o sol nun entre" (o sol quenta en tódolos recunchos). "Polo S. Vicente (22 de xaneiro) non hai lugar por onde o sol non entre". “Por S. Xulián (28 de xaneiro), garda o viño e garda pan”.
FESTAS GASTRONÓMICAS DE XANEIRO.
Neste mes aprovéitase para xantar os embutidos trala mata do gocho. Salientamos a festas gastronómicos do botelo de Bembibre, Viloria, Fabeiro e Torre. Na bisbarra de Valdeorras destaca tamén o botelo no Barco e o codelo na Rúa. En Vilafranca era común o día da festa de Santo Tirso comer tamén botelo como no resto de poboaciois bercianas.
O Bierzo, xaneiro de 2017.
Ningún comentario:
Publicar un comentario