venres, 2 de outubro de 2026

OUTRO PREITO ENTRE PONFERRADA E LEÓN EN 1654.

LIBRERIAQUIÑONES.COM

 

OUTRO PREITO ENTRE PONFERRADA E LEÓN EN 1654,

Por Xabier Lago Mestre.

Ao longo da historia moderna temos atopado varios documentos que demostran que as relaciois entre León e Ponferrada non foron boas. León tiña a representación en Cortes do principado de Asturias e da provincia do Bierzo, sobre os cales exercía o seu centralismo administrativo. E, por suposto, estes dous territorios en numerosas ocasiois protestaron sobre o exercicio do poder leonés asoballante. Neste caso atopamos un documento no arquivo municipal de León, de 1654, dun preito entre Ponferrada e León que pasamos a comentar.

                A mediados do século XVII había unha crise peninsular por diversos motivos, guerras internacionais e internas, malas colleitas, climatoloxía adversa, imposición fiscal de máis, etc. Daquela Ponferrada, como capital da provincia do Bierzo, e León, capital do reino, tiveron un conflito pola grande cantidade de maravedís para o sostemento do servizo militar dos infantes que a segunda demandaba á primeira. No repartimento de cartos, Ponferrada alega “notorio agravio” á vila por pedirlle en exceso dende a chaira. Ademáis, quéixase de que no dito repartimento conxunto deixa fóra á Cabreira que reclama como “la merindad de Cabrera del partido de Ponferrada”, polo que toca pagar máis entre menos territorio e veciños.



Respeito ao procedemento de reparto territorial dos maravedís por León, Ponferrada comenta que non se contou coa súa participación, “para que asista a el uno de sus capitulares y no se haga agravio a este partido, lo qual la dicha ciudad no executa, antes en contravención de la dicha costumbre”. Os abusos administrativos de León continúan, “hace repartimientos por menor (por localidades) en el dicho partido de Ponferrada”, ademáis de, “enviando executores a los lugares del”. Teiman os bercianos en que “se hace agravio a la dicha villa sus partes, sino que recivieron gravisimo daños los demas vasallos que se hicieren hallar molestados por lo caminos”.

Resulta que hai queixa berciana por ter que pagar á lonxana León, “porque el lugar más apartado de la dicha villa mi parte, no dista como legua, y la dicha ciudad (León) está distante de la dicha villa mi parte diez y siete leguas, de suerte que los executores vienen a causar grandes costas”. Os executores realizaban a recadación impositiva, traballo xestor que había que pagarlles tamén. O ter que pagar en León polos bercianos foi demanda constante, polas dificultades de levar os cartos tan lonxe e atravesar dous portos coas súas dificultades orográficas e climatolóxicas.



Outro apuntamento destes abusos fiscais é o que se refire aos temores dos bercianos á xustiza do Adiantamento de León (tribunal señorial), “tienen tantos temores que de ninguna manera se atreven a rreclamar ni a representar su agravio de que resultan los grandes que se han hecho y hacen a su parte dignos de que se ponga un remedio conveniente”. Este tribunal rexional actuaba nos lugares de señorío, tan abundantes na nosa provincia, e pasou de ser itinerante (con sede en Vilafranca) a centralizarse na capital leonesa no século XVII.

Dende a vila do Sil denuncian o maltrato institucional indebido por León, “siendo como es la dicha villa cabeza de partido y tan antigua y principal”. Caso concreto, a remesa de emisarios dende León, “la envian hordenes por un beredero como se hace con qualquier aldea y poniendo en lo despachos no acostumbrados a villa de santo ilustre y tan decorosa, resultando en mucho desprecio de la dicha villa mi parte”. Porque Ponferrada alega que “siempre se le ha tratado con la cortesia devida a que se acomtumbra con las demas villas y ciudades destos reinos que son caveça de partido”. Está ben clarexo que Ponferrada reclama a León un trato distinguido segundo a súa categoría (vila reguenga e cabeza de provincia).



Máis adiante lemos a reclamación de rebaixa do importe do pagado, “el repartimiento de los tres mil ducados que se hiço a la dicha villa en este presente año se moderese a mil doscientos ducados que es lo que es lo que se puede tocar”. Outro pedimento é que a dita vila faga os repartimentos en todo lugar, “sin que la dicha ciudad de León pueda desmembrar a Villafranca y a las demás referidas en la forma en que se acostumbraba”. Xa se sabe, en conxunto páganse mellor os impostos que por separado.

León non trata co respeito debido a Ponferrada. Velaí que a vila berciana diga que “se mande que la dicha ciudad no haga ningún rrepartimiento a la dicha villa mi parte, sin haverla citado primero”, por suposto, para negociar o pago. Ademais, “y hallándose presente uno de sus capitulares como se ha hecho otras veces”, porque O Bierzo quere mandar os seus representantes a concretar as cantidades debidas. Esta forma máis democrática de negociar o pago de impostos foi criticada por León, “que no había sido necesario esperar regidor ni diputado suyo para el dicho repartimiento ni nunca se había estilado, y que se habría obrado con ella como con las demá villas lugares de la dicha sargentía”. León non quere recoñecer que Ponferrada é cabeza da provincia y isto significa un trato diferente.



Ponferrada póñese dura cando comenta que “y el corregidor de la dicha villa prenda a los ejecutores que en su partido procedieren a cobranzas en virtud de hórdenes de la dicha ciudad”. O maltrato institucional de León queda de manifesto cando lemos que “y que no se entrometan en enviar hordenes sino es con la decencia y cortesia que se debe”. A superioridade xerárquica de León neste tema parece que se manifesta nos seus escritos cando Ponferrada se queixa polos seus contidos ofensivos.

Por suposto, o preito ten muita máis información histórica de interese para comprender as relaciois institucionais entre Ponferrada e León, mais este non é un espazo para o estudo polo miúdo. Dicir que o preito foi gañado por León. A Coroa e a súa xustiza sempre defendía as causas centralizadoras das cidades con representación en Cortes. A razón era clarexa, os monarcas necesitaban de León para recadar os cartos públicos e non ia prexudicar os seus intereses económicos ante as protestas dos vasalos da pequena vila de Ponferrada e da provincia do Bierzo.

O Bierzo, agosto de 2026

VOLTAN OS IRMANDIÑOS AO BIERZO.

 

libreriacajondesastre.com


VOLTAN OS IRMANDIÑOS AO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

En Ponferrada temos dúas recreaciois históricas, a saber, os templarios no verao e os irmandiños no outono. Máis aló do maior ou menor seguimento popular destas representaciois está a valoración que fan dos feitos históricos recoñecidos. Por iso non está mal que aproveitemos a ocasión para recuperar un pouco da súa historia que as ditas teatralizaciois tenden a idealizar no século XXI.

                Polo que toca aos irmandiños. Foi unha revolta popular integrada por fidalgos, campesiños, artesaos… que se rebelaron contra os abusos dos señores de vasalos (1467-69). Na metade do século XV ditos señores pelexaban entre si pola hexemonía territorial na Galicia. No caso do Bierzo as desputas entre os Lemos e os Benavente, que controlaban Los Barrios de Salas, foron constantes. Ademais, os condes de Lemos señoreaban esta rexión e tentaban controlar tamén os poderes monásticos (Carracedo e Espiñareda). A debilidade do poder da Coroa axudaba a este contexto señoril tan belicoso.

                Os irmandiños galegos declararon os seus inimigos aos grandes señores. Velaí a persecución que fixeron ao conde de Lemos, don Pedro, o cal fuxiu de Galicia para o seu castelo de Ponferrada. Resulta curioso comprobar como os territorios estremeiros de Galicia estiveron vinculados á revolta irmandiña. No ocidente asturiano, o historiador Vasco de Aponte, informa que o capitán Pedro Osorio tivo apoio de fidalgos galegos e asturianos de Navia e Burón. Polo que se refiere ao sul, na comarca da Seabra o IV conde de Benavente, Rodrigo Alfonso Pimentel, atacou aos irmandiños na localidade de Cobreros, o tal señor “mando poner fuego al lugar, y que todo se quemó y que quedaron perdidos” (Isabel Beceiro Pita). Outro tanto aconteceu en Valdeorras e O Bolo, pois os seus castelos (O Castro e O Bolo) foron atacados polos irmandiños locais, segundo Isidro Garcia Tato.



                No Bierzo tamén houbo irmandiños, concretamente a documentación do mosteiro de santo Andrés de Espiñareda relata certos deses sucesos. Lemos, “estando el concejo, juez e omes buenos de terra de San Andrés d´Espinareda, paresçio don Ares, abbad del dicho monasterio de Sant Andrés, et dixo que como mejor podía e devia como señor de la dicha terra requeria et defendia a los dichos consejo e omes buenos que non entrasen en la hermandad sin su licencia e que presto era de faser e dar licençia para todas las cosas que fuesen servisyo de Dios, e de nuestro senor el rey et de su monasterio e del señor conde de Lemos”. Vemos pois que o abade trata de evitar que os seus vasalos se integren na irmandade sen a licenza dos señores (xaneiro de 1467). Sen embargo outros escritos reafirman a presenza de irmandiños bercianos nesa zona. Tamén houbo outro núcleo irmandiño en Arganza. Eiquí o fidalgo Alvaro Sánchez atacou aos Lemos en Ponferrada, mais foi apresado e morto polos condais (Fco. González González).  E logo temos os ataques a castelos bercianos do conde de Lemos.

                Pola outra banda, sabemos dos seguidores bercianos do vello conde. O historiador galego Carlos Barrios, inforrma da alianza dos rexidores dos concellos de Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca co conde de Lemos. Todos eles acudiron á “Junta General de la Santa Hermandad de Madrigal” (febreiro de 1468) para pedir o seu apoio castelao. Esta institución castelá se aliou co conde de Lemos, por exemplo no recrutamento de tropas e maila defesa dos seus castelos. Non podemos pasar por alto o control que exercía o conde de Lemos nos concellos das vilas bercianas, integradas e sometidas no seu amplo señorío territorial.



                A presión irmandiña foi tan grande en Ponferrada que o conde de Lemos tivo de fuxir para León, onde procurou apoios. Alí vendeu as xoias na xudería para mercar apoios bélicos. Tamén estableceu un acordo co seu inimigo, o futuro marqués de Astorga. O conde recoñeceu que se viu forzado nesta alianza estratéxica, “haría donación (de Chantada e Sarria) quel marques le pedía por librarse de el y que cesasen las armas, mas que la haría forçado y contra su voluntad” (setembro de 1467). Nesta política de alianzas entra tamén o seu casamento con María de Bazán, emparentada cos condes de Quiñones e Valdorna (León)

                Por suposto, as forzas señoriais, expulsadas de Galicia, ben que se organizaron para facer o contraataque. Así estableceron varias frontes para atacar. Unha delas penetrou dende León co conde de Lemos e quizais o marqués Pardo de Cela de Mondoñedo. Outra fronte, partiu dende Salamanca co arzobispo Alonso II de Fonseca e os do conde de Benavente, e entrou por Seabra e sul de Ourense. A última penetrou dende Portugal comandada por Pedro de Madruga. Por suposto estas forzas señoriais tiñan todas as de gañar. O exército irmandiño non era profesional, e para manterse dependía do seu traballo agrogandeiro que non podía abandonarse por muito tempo. Mentres que os señores tiñan recursos de máis, cartos propios e financiación allea, para armar o seu exército mercenario, ademais dunha grande alianza da alta nobreza xamais coñecida.

                Trala derrota irmandiña, os señores principiaron a represión sobre os seus vasalos. A xustiza señorial foi dura para cos subordinados. Velaí as obrigas de servicias para realizar traballos persoais na reconstrución dos castelos derrubados. A posición de debilidade dos vasalos foi aproveitada para facer máis presión fiscal sobre eles. Ademais, trala vitoria señorial voltaron as desputas entre a alta nobreza, caso dos condes de Lemos e de Benavente. Os vasalos sufriron as consecuencias desta nova conxuntura belicosa. Houbo que agardar ao triunfo dos Reis católicos para que xustiza real impuxera outra orde, apoiada pola chegada de oficiais remesados dende Castela (alcalde maior, correxidor, etc).

O Bierzo, outubro de 2026.