O BIERZO NO DÍA DA PATRIA GALEGA 2016,
Por Xabier Lago Mestre.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo,
falaceibe@yahoo.es
Un ano máis varios bercianos partimos da nosa rexión estremeira para Galiza. Resulta xa un ritual galegueiro acudir a Santiago, o 25 de xullo, Día da Patria. Co bo tempo por diante subimos para o porto do Cebreiro pola autoestrada. Xa en Pedrafita facemos parada para mercan queixo e unha fogaza de mestura, trigo e centeo, para dar boa conta deles no xantar na carballeira da capital de Galiza. Baixando o porto comezan as néboas facendo un mar branco por diante, máis aló nubes no horizonte. Velaí o debate viaxeiro sobre o tempo que haberá, máis diante, en Santiago. Para o que vén dende Castela resulta abraiante a paisaxe dende o auto, soutos, praderíos, casares, xesteiras, serras, outeiros, etc, esta variedade cromática enche os nosos ollos.
Dende a autoestrada no Noroeste collemos o desvío un chisco máis aló de Guitiriz, cara ao suloeste para Santiago. Esta nova estrada está ben tratada, aínda que posúe tramos de curvas con descensos que poden ser perigosos coas chuvieiras invernais. Atravesamos o país dos mil ríos, neste caso o Tambre e mailo Mera. Máis para diante chegamos ao aeroporto da Lavacolla, nas portas xa de Santiago. Non hai moito tráfego nas rúas quizais porque aínda é axiña.
A CIDADE DE SANTIAGO ATEIGADA.
O primeiro é procurar un aparcadoiro de bande nunha cidade que vai recibir moita xentes de fóra. A seguir para o parque de Rosalía de Castro de onde parte a manifa principal. Eiqui hai un mercado de postos que venden produtos políticos, bandeiras, pulseiras, libros, xornais, camisolas, etc. Presiden este lugar dous cabezudos ou cabezois que representan aos Reis Católicos, Isabel e Fernando, que na memoria coletiva foron os protagonistas da doma e castración do reino da Galiza. Non podemos partir desta arboreda sen tirar fotos das dúas Marias. Trátase dun escultura moi popular que representa a dúas irmás moi coñecidas polos seus paseos acotío por este parque.
A manifa vai polas principais rúas da zona vella de Santiago. Todo se enche de músicas de gaitas ou proclamas nacionalistas. Neste paseo atopamos a moitos compañeiros, de diversas bisbarras da Galiza, que só vemos neste especial día. Dende logo que toda a xente sente un grato abraio ante a presenza de bercianos baixo as nosas bandeira cruceiras.
Toda a multitude se concentra na praza da Quintana dos Mortos, na parte traseira da catedral, mentres que os actos oficiais da Xunta de Galiza se celebraron na praza do Obradoiro. Vai calor pero o ventiño axuda a levar os tempos de espera e os discursos reivindicativos. Unha mágoa que non se conseguise a unidade política das distintas correntes galegueiras.
CARA AO XANTAR NA CARBALLEIRA.
A festa continúa agora na carballeira no campus universitario. Alí está todo preparado para recibir a tódolos asistentes. Hai centos de mesas e bancas para os comilois, baixo grandes carpas. Diversas casetas preparan distintos alimentos, pulpeiras, bebidas, carnes asadas, etc. Non fai falta traer a comida pois podes atopar de todo para o paladar máis esixente. Despois do xantar podes botar unha seta baixo a sombra dun carballo. Outros aproveitan para ir ao festigal. Várias decenas de casetas ofrecen libros, camisolas con todo tipo de reivindicaciois, bandeiras, propaganda de diversos coletivos e partidos, sombreiros, artesanía local, etc. Se levas cartos abondos seguro que atopas o que procuras.
Mais o mellor de todo é falar cos amigos cunha cervexa fresquiña na barra dunha caseta. Cantas conversas saen dos beixos dun bo bebedor, así deixamos lonxe o formalismo laboral acotío. Resulta doado elaborar novas estratexias vindicativas neste ambiente amigavel e festivaleiro. Os bercianos imos aló con intención tamén de facer novas colaboraciois de interese para a nosa rexión e maila cultura galega asoballada polas instituciois.
Por iso falamos da posibilidade de cooperar entre os galegofalantes estremeiros, a saber, das terras de Navia, O Bierzo e As Portelas. A nova visibilidade dos tres sería a través da internet, creando un espazo informativo común. Polo que toca ao Bierzo xa preparamos outra estratexia reivindicativa. Cando se reforme o Estatuto de Autonomía de Castela e León, e o texto político aprobado en Valladolid viaxe ás Cortes Xerais para o seu debate. No Congreso estará o grupo das Mareas e promete colaborar connosco, presentando así unha emenda referida ao recoñecemento da cooificalidade do galego na rexión do Bierzo.
O Bierzo, xullo de 2016.