martes, 22 de outubro de 2024

O NOSO BIERZO FORALEIRO

 

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL.

NOSO BIERZO FORALEIRO,

Por Xabier Lago Mestre.

                Galicia e O Bierzo teñen unha ampla historia común que a xente descoñece. Hai muitas instituciois que compartimos ámbolos dous territorios (concellos, feguesías, compaña, foros, etc). Nesta ocasión pescudamos no tema dos foros agrarios que estiveron presentes na meirande parte do noroeste peninsular. Os tombos dos nosos mosteiros bercianos están cheos de referencias aos ditos foros, coma os arquivos señoriais e protocolos notariais.

                Comezamos na Idade media para indicar que os foros agrarios eran contratos que se establecían entre os señores (laicos e eclesiásticos) para fixar a explotación dun ben (terra, prado, casario…), ademáis de regular unha relación de vasalaxe entre ámbalas dúas partes (suxeitos xurídicos). Velaquí o caso do mosteiro de Carracedo que afora en Canteixeira. Trátase de herdades para os vasalos, “que la tengades poulada por vos personalmente e la labredes bien”. Coa contrapartida de dar á abadía, “nos dedes la quarta, de aquanto labrardes, e criardes cada año e la tercia de los porcos, quando foren de vez, e la meatade das eguas, e del ganado mayor partir la crianza cada cuatro años”. Este foro fixa unha nova relación, “e que seades fieles vasallos del abat e del convento”. No caso de rachar este vincallo de vasalaxe, “perda por ende el suo quiñon daquella herdade, e fique libre e quita al monasterio, con todos los labores e bonos paramentos”. A  herdade resta ben vencellada, e non se pode separar do patrimonio monástico, “non haber poder de la vender, nen de la sopinorar, nen alear por ninguna manera” (ano 1273).



                Por suposto, os señores laicos tamén fixeron uso destes foros agrarios, caso dos marqueses de Vilafranca. O historiador Alfonso Franco Silva fai mención a numerosos foros, entre eles, en Barxas, por casa e terreos hai que pagar unha tega de centeo e unha galiña (1472). Por outro foro en Sigueia da Cabreira,  por unhas herdades de pan e viñas tiñan que pagar 14 fanegas, metade en trigo e metade en centeo, máis 13 cañadas de viño (1505). A longa duración dos foros é unha singularidade desta institución, que os diferenciaba do arrendamento e parcería. Así no Bierzo podían ser a perpetuidade ou por tres vidas de reis e 29 anos (as chamadas voces).

                Temos visto os foros agrarios mais tamén houbo outra tipoloxía. Así salientamos os foros coletivos que se establecían cos concellos por localidades para a explotación de bens de xestión coletivos (montes, pradoiros, lameiros, morteiras, brañas…). Por estes desfrutes coletivos había que pagar unha renta ao señor. Outros foros foron os de poboamento que a Corona e os señores (laicos e eclesiásticos) fixaban para atraer e protexer a nova veciñanza, a cambio do pago dunha renta comunal, á vez que se determinaban as exenciois fiscais.



                Por suposto, a pobreza xeral dos vasalos agrarios, fronte ás sucesivas demandas fiscais dos señores e da Coroa, provocaron numerosos conflitos acotío á hora de recadar. Muitos destes problemas non se recolleron na documentación secular pois tivo un protagonismo oral. O propio rei Felipe II lexisla sobre os censos para declararlos redimibles,  de “Galicia y León y provincia del Bierzo y marquesado de Villafranca y en el principado de Asturias” (1573). Os señores, ante os problemas de recadación de cartos, recorreron ante os chamados cabezaleiros, que foron os intermediarios que se aproveitaron das dúas partes, dos pobres foreiros e dos señores. Temos varios preitos sobre estes conflitos, casos do arrendador de foros dos marqueses de Vilafranca e certos veciños de Corullón, polo pago de trigo, centeo e galiñas (1767), ou entre a colexiata de Vilafranca co arrendador dos seus foros e diezmos (1824).

                No século XVIII, ante a finalización de muitos foros agrarios, medrou a conflitividade social. Salientamos os duros apeos dos seus foros que fixo o mosteiro de Samos na zona de Toural dos Vaos. Até tal punto chegou o grave problema dos despoxos dos foreiros que os altos tribunais tiveron de intervir (Audiencia de Galicia e Consello real)  ademáis da propia Coroa. Sabemos que veciños da vila da Veiga, de Fontoria e Sésamo, “comprendidos todos en la provincia del Bierzo”, preitearon contra do mosteiro de San Andrés de Espiñareda, e reclamaron ante o Consello real, o cal determinou “les vuelva las tierras de que les ha despojado, y tenían en foro vitalicio los causantes respectivos de estas partes”.  A Real provisión de 28 de xuño de 1768 estendiu á provincia do Bierzo e provincia de Asturias a resolución favorable para os foros do reino de Galicia de 1763. Tamén os foreiros do marquesado de Vilafranca pediron converter os seus foros en censos perpetuos. O propio marqués pediu á Coroa licencia para realizar dita conversión (1762) (xornal El Progreso, febrero de 1909). 



                Na segunda metade do século XIX o Estado español forza o uniformismo xurídico. Asi hai un gran debate político na formación do Código civil contra os dereitos forais de Euskadi, Catalunya e Galicia. Tamén os xornais de Galicia fixeron referencia aos foros do noroeste, “no sólo en Galicia, sino también en Asturias, León, Vierzo y Villafranca” (El Correo de Lugo, xuño de 1860). A Gaceta de Madrid (21 de xullo de 1886) recoñece expresamente os “censos en Galicia, Asturias y León”, esta última concrétase no Bierzo. Os debates continúan no século XX, o proxeto de apéndice do Código civil, elaborado pola Comisión especial de Dereito foral de Galicia (1923), establece a singularidad foral no artigo 94, “no regirán en las provincias de Galicia, ni en el Principado de Asturias ni en la comarca del Bierzo los artículos 1611 y 1655 del Código civil”.

                Aínda na etapa franquista hai debate sobre os foros agrarios. Por iso créanse tribunais de foros por partidos xudiciais. En Vilafranca hai bens embargados, caso de viviendas, por impagos forais en Busmaior, aínda “que no existen títulos de propiedad de aquellos” (1945). Incluso otra sentenza fai mención nominativa dos numerosos veciños de Busmaior, segundo as súas casas (Miguel, Cobo, Nueva, Panadero…), que teñen satisfeito a paga da pensión durante 30 anos inmediatos, mentres recorda a “sentencia condenatoria de los cabezaleros” de 1932. A resolución xudicial indica o pago dun foro coletivo, “obligados solidariamente a satisfacer”, de 37 fanegas e 10 cuartillos de gran de centeo máis 137 reales desde 1876.

O Bierzo, outubro de 2024

WWW.BIERZOFREE.BLOGSPOT.COM

xoves, 10 de outubro de 2024

AS HISTORIAS IRMANDIÑAS NO BIERZO.

 

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL

HISTORIAS IRMANDIÑAS NO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

De novo os irmandiños voltan a Ponferrada para recordar a revolta medieval contra o conde de Lemos. Máis aló das representaciois teatrais entre cabaleiros e vasalos polas rúas e castelo desta cidade, convén coñecer un pouco daquela historia recuperada que non é muita. A fines do século XV os vasalos foran asoballados polos seus señores. O sistema económico, xurídico, fiscal e eclesial favorecía a uns poucos privilexiados fronte á meirande parte da poboación subordinada. Velaí que xurdiran numerosas protestas antiseñoriais. A que hoxe tratamos é coñecida coma revolta irmandiña que se estendeu por todo o noroeste peninsular.

                Os núcleos galegos da rebelión irmandiña tiveron continuidade na chamada Galicia estremeira. As comarcas periféricas participaron deste movemento levantisco. Foi o caso do ocidente de Asturias, segundo nos indica o historiador Vasco de Aponte, pois o capitán Pedro Osorio tivo apoio de fidalgos galegos e asturianos de Navia e Burón, zonas dependentes do bispado de Oviedo. Polo que se refiere ao sul, na comarca da Seabra está documentado que o IV conde de Benavente, Rodrigo Alfonso Pimentel, atacou aos irmandiños na localidade de Cobreros, o cal señor “mando poner fuego al lugar, y que todo se quemó y que quedaron perdidos” (Isabel Beceirro Pita).


             

                Sábese que unha coluna irmandiña, de Alonso de Lanzós, entrou desde Ourense en Valdeorras. Nesta comarca os vasalos atacaron dous castelos, o do Castro, xunta O Barco, era de Juana de Castro, señora de Valdeorras e Manzaneda. O outro castelo foi do Bolo, de Juan Pimentel, señor de Viana e O Bolo. Por certo, segundo preito de 1520, o dito señor impuxo pola forza a reconstrucción desta fortaleza (Isidro García Tato). Esta frente irmandiña ben puido entrar no Bierzo polo estreito de Covas e derrubar os castelos de Lusio, Pena Ramiro e Pena Vellosa na comarca da Cabreira Baixa, para continuar até a fortaleza de Cornatelo.

                Outra coluna irmandiña de Pedro Osorio entrou polo porto do Cebreiro desde Lugo. O seu obxetivo foi atacar os castelos do conde de Lemos nesta zona, a saber, Serracin, Corullón, Vilafranca e Ponferrada, onde se escondera o fuxido conde de Lemos. Cando chegaron os milleiros de irmandiños tivo o perseguido conde que marchar para León. Das actividades militares no Bierzo sabemos de dous centros irmandiños, Ancares e Arganza. No primeiro os imandiños enfrontáronse ao poder señorial do mosteiro de Espiñareda, e no segundo o señor de Arganza foi morto polos seguidores do conde de Lemos.



                De seguro que na rexión do Bierzo houbo máis apoios irmandiños dos que non temos documentado, porque a revolta defendia os seus intereses labregos e fidalgos. Pola contra, sabemos que o conde de Lemos marchou para Madrigal con xente de Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada para conseguir apoio da Santa irmandade de Castela (marzo 1468). Por suposto, esta institución foránea casou ben cos intereses do conde porque só el podería recadar cartos para a irmandade castelá.

O CONDE SEÑOREABA O BIERZO.

                O Bierzo medieval estaba controlado polo réxime señorial (laico, eclesial e monástico). A debilidad da Coroa de Castela favoreceu o medre dos señores. Velaí as concesiois reais hereditarias (condado de Lemos 1456, marquesado de Astorga 1465…). Mentres que os mosteiros recibiron numerosas exenciois fiscais e privilexios. Unha derivada das guerras de sucesión da Coroa foron as luitas entre os señores polos diñeiros e vasalos.



                O poderoso conde de Lemos dominaba O Bierzo e quería subordinar ao resto de señores e vasallos, propios e alleos. Por iso guerreou co señor de Bembibre, co marqués de Astorga e o conde de Benavente que atacaba desde a súa encomenda dos Barrios de Salas. Tamén tivo de pactar cos inimigos, ao marqués de Astorga cedeu Chantada e Sarria (setembro 1467). Tampouco faltou a política matrimonial para establecer alianzas conxunturais, coma os casamentos entre os Lemos, Quiñones,  Astorga ou Benavente.

Máis doado foi dominar o outro poder monástico xa que non tiñan resistencia militar. Un texto indica que “conocio al dicho conde ser ombre muy poderoso e mandaba e señoreava toda esta provincia del Vierzo, e vido que para haser la fortaleza de la villa de Ponferrada traya los ombres de las abadyas, así como de San Pedro de Montes e de Santa Marya de Carrazedo e de Sant Andres de la Espinareda, e los trya para la dicha fortaleza e les mandaba como a sus vasallos”. Claro exemplo da subordinación monástica ao conde.

                Nun preito señorial entre vasallos e maila abadía de Carracedo (1513), os primeiros alegaron que o conde de Lemos creou novos impostos agrarios, “quando las hermandades del Vierzo despues volvió, avya empuesto estos quartos e quintos en los lugares de la abadia y términos de Faveiro y campo de Naraya”. Curiosamente, a imposición dos ditos quintos por roturar novas terras tamén foi obxeto de preito en Castro Caldelas nun preito contra os condes (1523).



                A derrota dos irmandiños pola poderosa nobreza favoreceu a reseñorización. Consecuencias desta nova xeira foi a forte represión (mortes, penas…), control parcial da xustiza, obriga de serventías para reconstruir os castelos atacados, imposición fiscal (quintos, tallas…), creación de localidades en lindeiros doutros señoríos (Fontes Novas e Campo xunta Ponferrada), confiscaciois, caso da terra de Arganza, etc.

                O reforzamento da Coroa, cos chamados Reis católicos, foi a chave do cambio de época. A polémica herdanza do condado de Lemos e as desputas entre familiares permitiu a  intervención real. A arbitraxe neste conflito favoreceu á Coroa e os seus, caso dos condes de Benvente. De nada serviron os ataques militares do conde de Lemos (1485 e 1507) e preitos xudiciais por recuperar os seus territorios. A consecuencia da derrota militar dos Lemos foi a perda definitiva das posesiois bercianas. Isto foi así porque a Coroa xa tiña planificada unha nova organización para O Bierzo, redución territorial do condado, creación do marquesado de Vilafranca, formación da provincia do Bierzo, establecemento da nova capital reguenga en Ponferrada, ordenación da nova xustiza real (correximento, Adelantamiento…

                Por todo o visto, os irmandiños abrangueron vasalos das comarcas máis estremeiras que tiveron unha clara vontade coletiva de resistencia antiseñorial. A derrota irmandiña favoreceu a reseñorización de fines da Idade media. O vitorioso novo poder real limitou parcialmente os abusos do poder señorial, aínda que a alta nobreza foi aliada da nova política real (administración, militarización, internacionalismo, etc.  As clases dependentes (vasalos, pecheros…) puideron recorrer ante a xustiza real, a cal lexitimou o réxime señorial que privilexiaba aos poderosos.

O BIERZO, OUTUBRO DE 2024.

BIERZOFREE.BLOGSPOT.COM

venres, 4 de outubro de 2024

AS INTENTONAS DE ORDENACIÓN TERRITORIAL.

 

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


INTENTONAS DE ORDENACIÓN TERRITORIAL,

Xabier Lago Mestre.

Na veciña Galicia tivo lugar recentemente un Congreso de reforma do mapa municipal. Pouco ou nada se pode tirar desta xuntanza porque seguen cos mesmos proxetos de fusiois municipais, mancomunidades intermunicipais, áreas metropolitanas e consorcios. Muitos aínda recordamos cando Galicia intentou, pola década dos anos noventa do século XX, a reforma comarcal. Daquela gastáronse miles de cartos para delimitar 53 comarcas, nomeáronse os seus xerentes e creáronse fundaciois. De todo iso xa non queda nada. Outro fracaso máis!. Hoxe hai 313 concellos e 3771 freguesías sen en unha ordenación territorial axeitada. Sen embargo, todos vemos que O Barco de Valdeorras, Quiroga, Monforte, Verín, Becerreá, etc deberían ser potenciados coma centros comarcais.

            Polo que se refire a Castela e León, coa chegada da democracia todos os partidos falaban do novo protagonismo territorial das comarcas desta estensa Comunidade autónoma. Velaí os debates da Comisión de comarcalización en 1984. Depois as comarcas foron consideradas perigosas para calquera ordenación territorial alternativa ás provincias de 1833. Por iso, en 2000, fixaron as áreas funcionáis estables (13), para logo xurdir o mapa das unidades rurais (2015). Coma non houbo acordo político de consenso todo está sen execución.



            Los bercianos aínda lembramos cando nos debates polo recoñecemento da Lei da Comarca os partidos discutían sobre se sería mellor a previa aprobación dunha lei xeral de comarcas. Por sorte, primeiro foi a creación da Lei da Comarca do Bierzo, doutro xeito hoxe non habería nin lei xeral nin lei singular. En política hai que saber aproveitar as conxunturas favorables. O Bierzo soubo saírse coa súa e ter o necesario recoñecemento legal, primeiro autonómico (1991) e logo orgánico no Estatuto de Castela e León (2007), que reforzou a súa existencia institucional.

            A rexión do Bierzo está mui alonxada dos centros provinciais (León, Lugo, Ourense…). Ademais é un territorio moi periférico por mor das serras que nos afastan. Resulta lóxico que se reclame desde séculos una ordenación territorial específica. Históricamente, xa tivo ese recoñecemento territorial e institucional con dúas provincias (Antigo réxime desde 1486 e liberal desde 1821). A isto engadimos a existencia dun centro urbano coma Ponferrada que exerce as súas influenzas funcionais (sanitarias, comerciais, administrativas, comunicaciois…) sobre varias comarcas veciñas (Laciana, A Cabreira e Valdeorras). Máis de 120.000 habitantes merecen outro tratamento administrativo por parte dos gobernos foráneos, como si o teñen outros territorios de menor poboación (Zamora, Soria, Avila, etc.



Por todo o dito, parece razonable que no século XXI haxa unha atitude máis descentralizadora co Bierzo. Hai que potenciar o Consello comarcal para compensar as graves carencias (persoais, materiais, económicas…) dos concellos rurais e das numerosas pedanías.  Estes dous tipos de corporaciois locais tiveron a súa orixe na Idade media, mais hoxe teñen perdido gran parte da súa funcionalidade, velaí o seu grave perigo de desaparición. Sen o decidido complemento competencial do Consello comarcal, a meirande parte dos concellos e pedanías non poderán sobrevivir. O futuro institucional do Bierzo está en crear un Consello comarcal forte, capaz de negociar co resto de instituciois (Junta CyL, Deputación, Estado e Unión europea) pola descentralización axeitada.

A rexión Sileste pode organizarse doutra forma. Queremos dicir que hai un gran centro urbano, Ponferrada, mais isto non empece que haxa outras cabeceiras comarcais. Así debería acontecer con Villablino/Laciana, Bembibre/Boeza, Fabeiro/Ancares, Vilafranca/Valcarce e A Ponte/A Cabreira. Para acadar isto hai que articular as vías de comunicación e os transportes públicos, e potenciar os servizos públicos.



Noutras épocas pasadas tivemos sucesivas dinámicas económicas. Primeiro agrogandeiras e viñateiras, no século XX industriais (mineiría do carbón e ferro, madereiras, cementeiras, enerxía térmica e hidroelétrica…), e hoxe, louxeiras e otras enerxéticas. Porque o capitalismo estatal e internacional establecerán novas funcionalidades económicas para esta rexión dependente. O difícil será compaxinar a agricultura tradicional e ecolóxica coas novas imposiciois enerxéticas lonxanas (hortos solares, biocarburantes, muíños de vento…). Dende logo, necesitamos unha institución comarcal que supere os meros intereses localistas e, con forza abonda, represéntenos para resistir as presiois foráneas que se aveciñan sen xeito.

O Bierzo, outubro de 2024.