mércores, 8 de febreiro de 2017

O ENTROIDO DA REXIÓN DO BIERZO.


O VARIADO ENTROIDO BERCIANO.
por Javier Lago Mestre. 
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo
falaceibe@yahoo.es

    No século XXI destacan os carnavais nas vilas, casos de Ponferrada, Vilafranca, Fabeiro, Bembibre, Cacabelos, Camponaraia, A Veiga de Espiñareda, Carracedelo, Toural dos Vaos, O Barco de Valdeorras, etc. Nestas vilas hai grandes e populosos desfiles, tanto  de neniñas coma de mozos e mozas, con grandes premios para comparsas, mellores traxes e carrozas. Curiosidades do entroido berciano son: o sábado de Piñata, despois do mércores relixioso de cinza, onde continúa a festa carnavalesca, e maila Tarasca, máscara fea que dá medo aos pequerechos. O martes de entroido é o derradeiro día en que se come botelo, porque despois chega a Cuaresma coa abstinencia das carnes.

OS ENTROIDO NOS ANCARES.

Mais nos pobos é onde estiveron os vellos entroidos. O antroido de Ancares era costume facer brincadeiras (bromas), así facían a mula cun disfrace que corría polos calexos e daba patadas aos viciños. Incluso os mozos e mozas podían ir ata pobos viciños, Sortes, Espiñareda ou Sorbeira para compartilo carnaval (J.R. Fernández González, Etnografía del Valle de Ancares, 1978). En Burbia tamén estaban os chamados Maranfallos vestidos de roupas vellas. Pola outra banda, en Moreda tiña lugar o desfile dos chamados Maragatos con refaixos de mulleres de la, con cada perna dunha cor. Ademais levaban caretas de cartón e perseguían ás mozas. Neste pobo había dous personaxes, A Frasca con cencerros que ciscaba cinza e A Xoroba con apéndice de palla. O chamado Domingo do Galo había pedimento de agasallos polas casas e corríase un galo polo rueiro. Coas viandas e cartos recollidos, ademais do galo, facíase o xantar comunal. En Suertes-Sortes disfrázanse de mula e vaca dous mozos que perseguen aos viciños e danlles cun mazo. 



Traemos eiquí un texto que recolle correlo entroido nos Ancares bercianos. "Alguis andaban armados con paus ou xostras e, como se de visiois se tratara, presentábanse onde un nun intre e comenzaban a repartir estacazos por entre mediasda xente (...)". Ademais recollemos outra referencia ao costume de botar lume polas ladeiras, "Unhos despregábanse polo abesedo casfrachas encesas, e outros, provistos con potes e cestos cheos de puxa, subían ladeira arriba e botábanos ardendo, deixando no sou rinchar un rastro de moxenas ó xeito dunha estera de meteorito (...)" (tomado de Aquilino Poncelas, O mestro púxose louco, 1995). Ademais, en San Pedro de Olleros había tres máscaras: a vaca, o touro e a mula que paseaban polo rueiro do pobo, coma homenaxe aos nosos animais.

OUTROS ENTROIDOS NA MONTAÑA BERCIANA.

No pobo da Baña na Cabreira tiñan máscaras con cara de cervo.  E en Igueña vestíanse con cara de maruxo ou maruxa. Mentres que a vaca foira xurdía en Noceda acompañadas dos Zarramacos vestidos con roupas vellas e percorrían o rueiro pedindo cartos polas casas (Joaquín Alonso González, "Bestiario popular: fantasía y creencia sobre los animales enla comarca del Bierzos", rvta. Studia Zamorensia, 1997). En Losada os mozos mollan ás mozas con auga con xeringas de salqueiro. Pola banda de Pobladura de las Regueras, unha moza vístese de home e un mozo de embarazada, en clara desputa entre sexos. En Robledo de Traviesas os disfrazados van polos pobos da contorna (Berciego, Trasmundo, Vilaverde e Vilar de Traviesas). En Palacios de Compludo os mozos botan fariña e auga ás mozas. Mentres en Salientes un mozo disfrázase de pastor en representación graciosa. Noutros pobos mineiros non falta o disfraz de mineiros tiznados de negro.



O ENTROIDO RURAL DE OENCIA.

En Oencia fórmanse grupos de Carantoños que teñen o chamado Requito ou xorobado cun saco de pele de cabra recheo de lá ou palla por xoroba. Os carantoños tralo baile coas mozas perseguen aos non disfrazados, acoso que só para cando toca a gaita. Tamén existía a Pellica de pele de coello rechea de trapos para pegar á xente. Os días máis festivaleiros eran o domingo e martes de entroido. Os xoves os mozos visten roupas vellas e fain ruído toda a noite. Preside o percorrido un neniño ou neniña vestido de branco que espanta os espiritos malignos e as ánimas. Ao final había cea con degustación dos produtos do gocho doados, licores  e viño. Remataban a cantar "come coiro, que se acaba o antroido". Ademais erguían o chamado Pau de antroido cun moneco que logo queimaban  (Javier Lerarte, Las peregrinas cosas del camino. Historias, leyendas y curiosidades del Camino de Santiago. 1999).  En Lusío elevábase un mástil na praza cun moneco de palla no alto que representaba unha persoa vella. A noite de carnaval préndese ese moneco para rematar co vello.

O antroido en Sobrado consistía na batalla das fachas (o martes). Os casados representan o Ben mentres que os mozos representan o Mal. Os casados portan xostras de encino acendidos e mailos mozos solteiros cos seus fachos de palla. Hai xostradas mútuas para apagar aos contrarios e gañarlles. Tamén había un árbitro que pon orde e castigos aos infratores. A contenda ten lugar no barrio da Veiga, o martes de carnaval ás 16 horas, e trala liorta hai xantar de tódolos combatentes que pagan os perdedores. No entroido en Vilarrubín izaban o Pau do Meco, viga cun moneco revestido de farrapos e colgado polo colo. O pau quedaba exposto durante 10 días ata o martes de entroido, os trtatantes de madeira facían propostas de compra do alto pau. Coa súa venda pagábase ao gaiteiro e mailo xantar popular. O meco baixábase e queimábase o martes. Para máis información ver Manuel Rodríguez e Rodríguez, Etnografía y folklore del Bierzo Oeste- Suroeste.   



TRADICIÓN ORAL SOBRE O ENTROIDO BERCIANO.

Temos este refrán "Entroido ao sol, Pascua ao tizón" (Se fai calor no entroido haberá friaxe na Pascua). Ademais desta canción de Quintela de Oencia, "Ei vén, ei vén, ei vén o carnaval, tan bonito como era, e deixárono escapar" (Xosé Lois Foxo, Cancioneiro de Oencia e contorna, 2013). Outros ditos alimentarios, "entroidiño larafuzán, comiche-la carne deixache-lo pan", con outra versión, "entroidiño larafuzan, comiches a carne e deixace-lo pan". Tamén "antroido á porta para comezar a cabeza do porco". O día grande, "martes lardeiro e domigo de pascua, cada larpeiro na súa casa" e "S. Matías coas súas artes fai caer o Antroido en martes". A poñerse a máscara, "en antroido disfraz de coiro".
O entroido competencia en "día de antroido echa a Pascoa" ou "entroido á raxeira, pascoa á lareira". Festa coma ningunha, "aí vén o entroido, é festa rachada, os nenos na escola faremos festa rachada", "en carnaval ningunha cousa está mal", "no entroido nada senta mal" e "vén antroido, vén axiña con máscara e barullo, para poder brincar coas mozas e para encher ben o bandullo" . Sobre o fin do entroido, "adeus martes de entroido, unto vello e longaniza, escondeivos compañeiros, que hoxe é corte de linza".


FESTAS GASTRONÓMICAS DE FEBREIRO.

Salientamos como festas gastronómicas deste mes o Botillo de Bembibre. No entroido hai numerosos pobos que festexan xantares populares, caso de Turienzo Castañero co seu entroido e xantar, da festa do cabrito en Vilalino de Conso. En bisbarras viciñas máis lonxanas temos Navia de Suarna coa festa da Androlla e Vilanova de Trives coa do chourizo. Os pobos rematan cos derradeiros embutidos porque logo comeza a abstinencia prepcetiva propia da Coresma católica. Pero en Sa Pedro Caatañero celebran a súa festa do botelo despois do mércores de cinza.

OUTROS ENTROIDOS DE BISBARRAS VICIÑAS.
Aproveitamos para facer unha pequena homenaxe ao entroido da Galiza. Destacan os Boteiros e foliós con bombos de Viana do Bolo nos sucesivos dias da colga do Lardeiro (moneco masculino), xoves de compadres, colga da Lardeira (moneco feminino), xoves de comadres, domingo gordo, luns dos nenos, e martes de fariña presididos polos chamados boteiros. En Vilariño de Conso ten os xoves de comadres e compadres, nos cales fabrican os monecos do Lardeiro e Lardeira respectivamente. Estes monecos representan os sexos contrarios e son amosados de xeito burlesco polo rueiro. O martes de entroido hai xantar popular do cabrito e despois se queiman os ditos Lardeiro e Lardeira. 



E podemos seguir baixando para A Gudiña, Riós co seu Vellarrón e Madama. Os cigarróns en Verín coas súas máscaras cos debuxos de lobos e zorros. Para ver os peliqueiros hai que viaxar a Laza. Tamén hai entroidos tradicionais cos seus Folios en Rubiá, Manzaneda, Pobra de Trives e na Ribeira Sacra.

Non pasamos por alto nesta homenaxe ao entroido do noroeste peninsular  os carnavais de Zamora. Entre eles o Tafarrón de Pozuelo de Tábara, A Visparra de San Martín de Castañeda, O Zangarron de Sanzoles, A Filandorra de Ferreras de Arriba, O Zangarrón de Montamarta, Os carochos de Riofrío de Aliste, Os Diablos de Sarracín de Aliste, A Obisparra de Pobladura de Aliste, A vaca bayona de Almeida de Sayago, Os cencerrones de Abejera, etc. 



FESTAS EN PORTUGAL.

  Máis ao sul temos Portugal cos Carochos de Costantin, Chocalheiros de Bemposta, Belho de Valle do Porco, Diabos de Vinhais, festo dos rapazes de Aveleda, Caretos de Podence e o entroido de Macedo de Cavaleiros.

O concello de Pinhel celebra a 21º feira das Tradicioes (5 ao 7 de fevereiro de 2016) que conta coa exposiçao de produtos locais.

O Bierzo, febreiro de 2017.
WWW.BIERZOFREE.BLOGSPOT.COM

Ningún comentario:

Publicar un comentario