SOBRE O LIBRO AS MULLERES DO MONTE,
Por Xabier Lago Mestre,
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo,
www.bierzofree.blogspot.com
O bo amigo Paco Velasco pasounos un libro moi especial. Trátase “As mulleres do monte. Lembranzas e pantanmas dun neno da posguerra”, do escritor José Antonio Gurriarán, editado por Galaxia. O seu autor recompila distintos testemuños, documentos e fotos relacionados coa persecución dos maquis das bisbarras viciñas de Valdeorras e O Bierzo. Como indica o título, hai un protagonismo especial para as mulleres, tan esquecidas pola historia oficial. Eiquí centrarémonos en referencias ao Bierzo pola nosa identificación territorial.
A FEDERACIÓN DE GUERRILLAS GALEGO-BERCIANA.
Non falta a referencia ás chamada Federación de Guerrillas de Galicia e León, aínda que sexa O Bierzo quen debería ter ese protagonismo territorial. Federación que se creou o 17 de xullo de 1941 na localidade berciana de Ferradillo, na serra dos montes Aquilanos. O comité dirixente estaba formado polo Gafas, o Marcelino Fernández Villanueva, amais do Mario Morán e o Parra. Todos os componentes da Federación loitaron pola defesa da República e mailos seus valores coletivos, e serviu para unir aos loitadores contra o fascismo no noroeste peninsular.
Non podemos pasar por alto as verbas do autor cando describe o ambiente represivo. “As ringleiras de presos que chegaban das aldeas e da colonia penitenciaria das minas de Casaio ou para declarar no cuartel, acompañadas polo trepar uniforme das botas dos militares e dos gardas civís; os berros de dor e rabia que saían dos barrotes da prisión que había no barrio de San Roque, cando actuaba un carcereiro con fama de violento” (paxina 62 e 63).
NA ESTACIÓN FERROVIARIA DO BARCO DE VALDEORRAS.
Outro tanto acontecía coa misería xeneralizada. “As colas de pobres esfarrapados que se formaban os sábados, o día en que a mendicidade estaba permitida, con escudelas e latas nas súas mans que golpeaban cunha culler para pedir un caldo quente ou una “perra chica”. A estación do Barco tamén amosaba un ambientes moi específico: “O paso dos trens de mercadorías que deixaban atrás un grupo de mulleres ennegrecidas que ían “facer carbonilla”, que consistía en recoller o “cisco” que despedía a locomotora e que aproveitaban ou vendían para as cociñas de chapa”. Como fillo e neto de ferroviario que eu son, non deixo de sentir algo especial con esta descrición. “Recordo que, un día, a parella da Garda Civil escoltaba, preto da estación, a unha muller á que acusaban de estar de acordó co maquinista dun tren de mercadorías, que, cando o convoi minoraba a velocidade á entrada da vila, lanzáballe “brinquetas” de carbón (…), eran daquela tesouros que só estaban ao alcance dos enchufados ou dos que ousaban empolicarse nas máquinas para roubalas, co risco de ser detidos e, alguna vez, das súas propias vidas” (páx. 63).
A REPRESIÓN NO CUARTEL DE PONFERRADA.
A forza narrativa chega coa leitura dos castigos. “Non podía erguer os brazos, nin moverme da malleira que me deron. Despois fomos condenadas e leváronnos ao Cuartel da Garda Civil de Ponferrada, onde estivemos bastante tempo. Aquilo era unha vergoña…” (pas. 89). Á pregunda sobre o tenente Cartón, a resposta indica que “os detidos levábanos ao cuartel, deixábanos a todos con moita xente nun corredor sinistro, aliñabanos e comezaba a dar paus coa culata do fusil, coas vasoiras, con ferramentas, co que tivese á man. A xente sangraba e tiñan que poner panos por todo o corpo para toponar as hemorraxias. Que recordó máis arrepiante!. O cuartel de Ponferrada era un horror, nunca vin outro igual (…)” (páx. 89).
Outra referencia a Ponferrada, “chegou un camión para levarnos a Ponferrada. Eramos nós e sete ou oito detidos máis. Fixeran unha redada por Correxais e por outras aldeas de Valdeorras. Metéronnos tres días nun corredor da comisaría de Ponferrada, que era coma unha cova, sen roupa, sen comer. Saía merda dos retretes para fóra, ese Cartón parecía un porco (…)” (pax. 118).
Non podemos pasar por alto outro feito arrepiante protagonizado polo xefe da Garda Civil en Ponferrada, o capitán Losada. Resulta que nunha visita súa á estación de Páramo do Sil saudou aos alí presentes co puño en alto. Por suposto, en resposta, respostáronlle co mesmo xesto esquerdista os da estación. Pois ben, os fascistas matáronos a todos (páx. 175). Dende logo, non había límites para a represión.
A ESTRADA DA MORTE ENTRE PONFERRADA E O BARCO.
Sobre os fusilamentos no quilómetro 37 da estrada entre Ponferrada e O Barco de Valdeorras, unha testemuña resposta que “mira que había mortos alí cando fun a Casaio” (pax. 127).outra declaración refírese “A Devesa, no quilómetro 37 da antiga estrada xeral que une Ponferrada co Barco, era un dos espazos preferidos para os fusilamentos na área, e forn moitos os que alí caeron” (páx 233).
O CERCO DE COLUMBRIANOS.
Durante a festa do Corpus de 1945 houbo unha grande represión en Columbrianos. “Foi unha auténtica operación militar a gande escala, na que membros da Gada Civil de Ponferrada, Astorga, Torre y Bembibre, auxiliados por unha compañía do Exército, cercaron a localidade e aslataron a tiros a casa de Catalina Martínez Núñez, onde se ocultaban tres guerrilleros da Federación (…)” (páx. 167-168). A represión eiquí foi brutal segundo as testemuñas, “algúns antigos membros do maquis e veciños de Columbrianos, convencidos de que o obxectivo dos asaltantes era matar os cinco, e non capturalos” (pax. 169).
Atristurada resulta a entrevista coa chamada Miss Ponferrada, Francisca Nieto, na residencia de Flores del Sil de Ponferrada. Cando fala da súa detención, todos nos emocionamos, “téñoo gravado a lume. Cortáronme a melena e dous gardas civís leváronme polo medio da rúa coma se fose unha delincuente. Un dos dous retirábase, coma se estivese avergoñado. Díxenlles en alto “vostedes lévanme, que vexa a xente que a Garda Civil, que está para perseguir os criminais, detén a unha muller honrada e traballadora” (páx. 175). Ela fala do cuartel que estaba en La Puebla de Ponferrada, do “caixon” ou calabozo xunta ao Concello, dos falanxistas chamados “cabaleiros da norte” que se xuntaban no bar Turco, “de Galicia viñan falanxistas coa camisa azul a Ponferrada e os de aquí ían a facer as mesmas barbaridades a Galicia” (páx. 176).
Lemos no libro un reclamante título, “ao meu marido voárono con dinamita”. Fálase de que “a Elías puxéronlle un cartucho de dinamita na boca, prendéronlle lume e voáronlle a cabeza. Fixeron crer a todos que o que estaba con Girón era Cañueto e non el. Tivéronnos expostos quince días para que os vise a xente, coma se fose un espectáculo de feira “ (páx. 191). O traidor Cañueto participou na norte o guerrilleiro berciano Girón, e recibiu corente mil pesetas dos represores pola operación delatora e marchou para Andalucía. Pero, a pesar da súa fuxida, os guerrilleiros deron con el, “virono un día por unha rúa deserta e seguírono nun camión que saltou á beirarrúa e que o esmagou coma unha cascuda (…)” (páx. 191).
REPRESIÓN NA LOCALIDADE REPUBLICANA DE SOBRADO.
Os veciños de Sobrado do Bierzo votaron maioritariamente pola República. A isto axudou moito o casamento do presidente da Deputación de León, Ramiro Armesto, cunha lugareña. O Armesto foi finalmente fusilado polos fascistas. A represión desta localidade republicana foi inevitável, “viñeron pola noite os falanxistas de Portela, da Rúa e doutros lugares, con abundante forza, e queimaron as casas e o que atoparon ao seu paso (…)”. No libro lemos as duras verbas, “alí asasináronos e enterraron o meu tío en vida. Aquel día liquidaron a sete ou oito homes, entre eles un chamado Carril, ao que queimaron nun “palleiro” (…)” (páx. 213).
A represión das forzas represoras non ten fin. “Tivérona dous meses no cuartel da Rúa e, posteriormente, levárona a Ponferrada. Apareceu morta preto desta cidade, en Montearenas, o 3 de maio de 1947, Atopouse o seu cadáver no lugar de Penas Brancas, serra da Corbaceira, cando a Garda Civil mostraba a súa foto nos escaparates da capital do Bierzo para facer crer que a buscaban e camuflar así a súa responsabilidade no crime. A autopsia desvelou que estaba embarazada de cinco meses, o que evidencia que foi violada pola propia Garda Civil. O seu noivo, o Lebre, morreu xunta con outros dous guerrilleiros na aldea de Vilasinde, o 17 de marzo de 1949” (páx. 226).
O GRAN PODER DAS FORZAS REPRESORAS.
Salientamos a grande concentración de forzas represoras para rematar coa guerrilla antifascista. A lexión tivo unha división pola xona con destacamentos en Viloira, Rubiá, Ponte Domingo Flórez, A Cabreira, Casaio… (páx. 397). A Garda Civil tiña centros de detención en Ponferrada, O Barco, A Rúa, Toural dos Vaos, Vilafranca, Bembibre, Torre, etc. Tropas tamén había en Quintanilla e A Braña, na Cabreira (páx. 193). Colonias de traballo mineiro forzoso houbo en Fabeiro (antracita) e Casaio (wolframio).
Non hai espazo para máis. Quedan moitos dados que comentar que esixen a leitura pausada dos interesados neste libro. Por exemplo a descoñecida fuxida dos maquis para Portugal, o atraco do banco Pastor no Barco de Valdeorras, a cidade da Selva de Casaio, e outras máis historias das mulleres que merecen todo o protagonismo das grandes esquecidas, dos seus ultaxes e valentías.
O Bierzo, setembro de 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario