martes, 27 de setembro de 2016

OS CAMIÑOS POR SAN JUAN DE PALUEZAS NA REXIÓN BERCIANA.


OS CAMIÑOS POR SAN XOÁN DE PALOZAS NA REXIÓN DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre,
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo,
falaceibe@yahoo.es

Aproveitamos o bo tempo a fines do mes de setembro para facer unha nova excursión pola rexión do Bierzo. Neste domingo madrugamos un chisco para quedar todos no andén principal da estación ferroviaria de Ponferrada. Moi pontual chega o tren que vén da cidade de León, ás 9.05 horas. Escasos viaxeiros subimos no comboio coas nosas bicicletas. Unha mágoa que non se utilice máis o ferrocarril para viajar para o noso oeste, Valdeorras, Quiroga, Monforte, Ourense até Vigo. Ademáis este tren rexional permite subir as bicis de balde no tren. No noso caso, imos a Toural dos Vaos para voltar dende alí para Ponferrada pedaleando.


Rápidamente o comboio desprázase pola chaira berciana. Pola nosa esquerda observamos as barrancas de Santalla que alguis confunden coas Médulas que restan agochadas detrás das montañas. Entre chopeiras baixa o río Cúa e pouco máis aló chegamos á antiga estación de Toural dos Vaos. Imos para abaixo coas nosas bicis. Na praza da estación hai mercado local con casetas que amosan roupa, froitas, zapatos e pouco máis.



PARA VILADEPAOS E VILAVERDE DA ABADÍA.

Xa na rota, voltamos para atrás porque tomamos a estrada para Villadepaos. Esta localidade está baleira ao noso paso. Máis adiante Vilaverde. Eiquí collemos a rúa principal até chegar á casa do maestro, moi ben restaurada, que queda á dereita. Neste lugar hai que baixar para a ribeira do río Sil que atravesamos por unha ponte de cemento. Tiramos todo de fronte, entre abundante chopeira. Ao final unha casa na ladeira da outra beira, na paraxe do Olgaño. Vemos ao seu propietario traballardo na súa horta e preguntámoslle pola camín. Noutra ocasión collimos a pista de terra que queda á esqueda e sube para a ermida da Estrela pola paraxe do Francelo. Pero agora queremos outra rota alternativa. 


O dito paisano comenta que hai camín para subir á ermida pero que hai que ir a pé, imposible en bicicleta. Pois vale, non hai problema, moi amable indícanos o seu camín. Uns metros adiante desviámonos do camín principal que vai paralelo ao río Sil. Nosoutos comezamos a subir por empinada costa, temos que facer un esforzó para agatuñar a vertente. O problema comeza axiña. O dito paisano díxonos que este camín non tiña perda. Sempre pasa o mesmo, para os viciños do lugar nunca hai dificultade, claro, eles coñecen ben as súas vías de comunicación locais, pero os visitantes ocasionais carecemos do seu sentido da orientación. Se utilizamos camíns que xorden nos nosos mapas topográficos, malo, porque xa desapareceron pola falta de uso público e polo medre da vexetación. Se entramos por camíns que non están nos nosos planos, pior, porque carecemos de referencias axeitadas.


UNHA ESFORZADA SUBA SEN FIN.

Subimos e subimos máis, normal, temos que agatuñar até a ermida que queda enriba da montaña. Pero resulta que non vemos claro o camín natural e direito que vai polo Valdecouso para o cumio da citada ermida. No noso camiñar atopamos nunha galla de árbore tiras de plástico, desas que deixan postas para o orientación dos ciclistas que compiten nas probas de montaña. Por suposto por esta nova senda, que xa non camín carreteiro, a vexetación semella pecharnos dentro. Xiramos cada vez máis para a dereita, sempre a subir. A nosa estreita senda está moi mollada pola escorrentía das chuvias da noite anterior. A bici, non para montala, senón para tirar dela para riba. Para baixar por esta senda sería fabuloso de ver e sentir pero non para subila como estamos a facer con gran esforzo. Temos medo de estragar a senda entre tanta vexetación arbustiva. Algún compañeiro adiántase para buscar rota entre a maleza. Outro acompañante quere voltar para atrás, pero logramos convencelo de seguir para diante como sexa. Zarzas, toxos e carqueixas por todas partes. Por fin, parece que o camín se abre. Supoñemos que estamos no val do Fervencia. Hai certa desorientación xeral porque non temos referencias xeográficas por mor da néboa. Aínda así somos optimistas porque hai val aberto e menos pendente.


Chegamos á paraxe dos Campos, unha pequena chaira, xa enriba. Dende eiquí tiramos para a esquerda, polo camín de terra ,na procura de San Xoán de Palozas. Atravesamos pois os pagos de  Valdecouso, Samperez, Penelas e Campo das Danzas. Xa vemos a ermida da Estrela. Tanto esforzo paga a pena se temos este premio. Algún compañeiro recorda que dende eiquí mesmo se inicia a pista de terra que baixa para o río Sil, pola dita paraxe do Francelo e que debimos tomar dende un principio segundo alguis. Por ser tan aventureiros, collimos o camín máis difícil que non recomendamos aos que pretendan unha rota doada.

POR SAN XOÁN DE PALOZAS. 

Como sempre nestes casos os cans recíbennos con ladridos ameazantes pois non queren visitantes. Baixamos para o  casarío de San Xoán de Palozas. Á esquerda da costa atopamos un lavadoiro de roupa e un bebedoiro para animais que xa perderon as súas funciois comunais. Máis abaixo, a praza do concello co tronco do vello ulmeiro seco, quizais pola enfermidade coma tantos outros. Lembramos que baixo as súas gallas había costume de xuntar o concello veciñal para decidir sobre os intereses comuis.


A localidade de San Xoán de Palozas amosa abundante toponimia. Polo leste, Barreiras, Rozada con referencias agarias comunais, Foxo e Seatín. Polo oeste, Trigal, Xinxas, Xardonal, Cimadevila, Hortos, A Veiga,  Ricieira, Roda e Calellas. Pola outra banda, os seus barrios históricos  foron no ano 1752: Foio, Cima de Vila, Calabería, Penelas, O Cano, Requeixo, Outeiro, Fontaelas e O Encinal (segundo o Catastro del Marqués de Ensenada).


Esta localidade pertenceu ao municipio de Priaranza. Celebra as festas da Virxe da Estrela (50 días após de Pascoa) (15 de maio de 2015) e Santa Lucía (13 decembro). Foi curato de representaciones, onde alternaban o concello e o marqués de Vilafranca. Os viciños de San Xoán tiñan os seus concellos, "estando juntos en concejo a do dicen Fontaelas donde se suelen juntar llamados por son de campana tañida (...)" (16 de agosto de 1610). San Xoán tiña ordenanzas de 1530, o 26 de setembro de 1684 aprobou novas ordenanzas.

O Bierzo, setembro de 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario