mércores, 24 de agosto de 2016

VISITA DE NOVO A PORTUGAL, NA CIDADE DE FIGUEIRA DA FOZ.


OUTRA VEZ POR PORTUGAL, NA CIDADE DA FIGUEIRA DA FOZ.
 Por Xabier Lago Mestre.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
www.bierzofree.blogspot.com
falaceibe@yahoo.es

De novo entramos en Portugal pola fronteIra de Vilar Formoso, xunta a salmantina Ciudad Rodrigo. Subimos pola autoestrada cara a Guarda e bordear a serra da Estrela. Na localidade de Celorico da Beira vemos o val do río Mondego. Máis adiante está Mangualde, onde tomamos o xiro para o sul e deixamos esta autoestrada para o oeste en dirección para Viseu. 



Xa na nova estrada o camín é pior, estreito entre arboredas abundantes, onde vemos algún resto dos lumes forestais deste agosto. Pasamos pola vila de Nelas, zona viñateira. Uns quilómetros adiante recuperamos a nova autoestrada que nos leva até Sta. Comba Dao. Eiquí é zona de encoros, as barragem de Aquieira e da Raiva, no dito río Mondego. Segue a suba para a serra do Buçaco que provoca meandros no cauce fluvial. Pasamos cerca de Coimbra, a cidade histórica e universitaria de Portugal, pero non hai tempo para a súa visita. Deposi de 52 quilómetros de Coimbra chegamos a Figueira da Foz, deixamos atrás un total de 338 quilómetros até a cidade de Salamanca.


A CHEGADA Á MARIÑEIRA FIGUEIRA DA FOZ.

O noso autocarro déixanos na avenida 25 de abril, xunta a praia principal da cidade. Abráianos a cantidade do areal, hai moita distancia dende o paseo marítimo até o mar. Vemos unas fotos antigas, en branco e negro, onde xorde unha pequena praia, pero hoxe este areal medrou moito, quizais polo efeito artificial dalgún rompeondas sobre as mareas. O primeiro é procurar o posto de turismo onde atopar o correspondente plano da cidade. 




Entre o mar e a desenvocadura do río Mondego temos o forte de Sta. Catarina que vixiaba a entrada na ría. No letreiro lemos avenida de España, atrás quedaron as liortas entre España e Portugal. Seguimos pola avenida foz do Mondego para desfrutar da arquitetura civil. O mercado municipal de ferro recíbenos cun divertido polvo xigante na esquina da fachada. Entramos no mercado e hai de todo, froitas, peixes, teas, carnes, etc. Este edificio está moi ben restaurado e paga a pena a súa visita turística. 


No xardín municipal atopamos a escultura de Manuel Fernandes Thomas, nado en 1771, onde podemos ler “a quen choramos nós, quen lamentan os portugueses, un cidadao extremado, un homem único, un benemérito da patria, un libertador d´um povo escravo”. Nesta praza están os xulgados, hai que deterse no mural deste edificio moderno. Este espazo público está cheo dunha feira de antiguidades, libros, discos, vaixelas, roupa, artesanía, etc. Máis adiante, pola avda. Foz do Mondego, atopamos a Cámara municipal e maila assembleia figueirense. 


Damos a volta para subir polo rueiro, e atopamos o pelourinho da Figueira da Foz. Esta picota xurisdicional é do 1782, en  forma de columna salomónica  e cos escudos nacionais en pedra caliza. Na ascensión chegamos á igrexa branca de S. Juliao, o templo máis antigo da cidade, pero quedan poucos restos desa antiguidade trala reconstrución do século XVIII. O pulmón verde de Figueira chámase parque das Abadía, que se estende de norte ao sul. Hai numerosas esculturas no seu céspede e muráis que merecen unha foto para o recordó. Eiquí facemos tempo para o descando depois de tanta andaina. 


PARA A LOCALIDADE DE BUARCOS AO NORTE.

Atravesamos o rueiro para chegar de novo ao ponto de partida, no paseo marítimo. Sobresaen os hoteis, tendas variadas e mailos restaurantes. Seguimos a avenida do Brasil, que bordea o areal sen fin. A nosa intención e ir para a localidade viciña de Buarcos. Na súa entrada recíbenos unha gran escultura ao Pescador. Perto o mercado e o teatro Caras Dereitas coa esfera amilar, símbolo de Portugal conquistador do mundo Xa no bairro dos pescadores, unha sinxela escultura adicada á muller mariñeira. Procuramos polo seu rueiro os pelourinhos. Na rúa do Castelo, o primeiro, o chamado de Redondos, de 5 metros de altura, de 1561. Perto a torre de Redondos, resto do antigo Castelo derrubado en 1854. Imos para abaixo e encontramos o pelournho de Buarcos, contén o escudo da localidade, cun barco sobre ondas. Hai dous pelourinhos tan xuntiños porque corresponden aos pobos de Redondos e Buarcos, agora fusionados administrativamente.


Avanzamos pola rúa do Infante don Pedro, con restos de murallas defensivas. A cuatro quilómetros domina a serra da Boa Imagem, parque forestal sen igual polos seus miradoiros da costa. A volta para Figueira da Foz facémola polas praias, tratando de evitar as ondas que pretenden comer o areal e mollarnos. O sol pega forte, semella máis dos 25 graos. Estas praias tan amplas permiten unha lóxica distribución dos cidadaos. Hai espazo para todos e todas. As gaivotas andas á procura de alimento abandonado. Os bañistas non entran moi decididos nas augas frias do Atlántico e quizais por temor ás fortes ondas. Por certo, Figueira ten zona das maiores dereituras, é dicir, ondas moi longas.



A DESFRUTAR DA PRAIA E DO PASEO MARÍTIMO.

Temos xa diante de nós a peculiar torre do Reloxo de Figueira da Foz. Obra moderna do 1946, construción moi cuestionada no seu momento. Hoxe parece integrarse mellor ante tanto edificio moderno, caso da liña de hoteis. No areal de Figueira mercamos o Jornal de Noticias de Oporto. Ollamos un artigo do escritor Alexandre Parafita, o cal escribe sobre o ensino de portugués nos colexios púbícos de Franza. O autor abráiase do acontecido nunha romaría de aldeia cos emigrantes retornados no verao. “Ja mal sabia em que país estava. As voces e diálogos que imperavam, contrariando o próprio espírito etnográfico da festa, eran já uma amálgama densa de loquacidades francófonas. Sao portugueses. Amam a patria, bem o sabemos. Mas ver famílias portuguesas (e no seu próprio país!) eximindo-se do uso da língua materna é um paradoxo. Como podem reivindicar dos estados (o nosso e o anfitriao) o ensino do portugués para os filhos, se no seio da familia nao usam a lingua que exigem ser ensinada nas escolas?” (JN. 21 de agosto de 2016). Esta leitura lémbranos a luta que temos no Bierzo co ensino do galego e maila continuidade cultural interxeracional polos bercianos. 



Retomamos a andaina. Paga a pena percorrer o rompeondas ata un dos pequenos faros para desfrutar a vista das cercanas prais, da localidade de Buarcos ao lonxe, ou da ría do Mondego. A brisa mariña neste recuncho relaxa a calor das praias. Ao inicio do rompeondas temos un gran cubo con altos muráis, un deles representa a mariña portuguesa. Se hai tempo, recomendável pasear pola beira do río Mondego, cheo de barcos nos casi comercial e do trapiche. Na rotunda de Nelson Mandela hai unha escultura de ferro que impresiona pola que agarra os barrotes da ventá no cárcere. Outra foto máis. No miradoiro da avenida 25 de abril desfrutamos do atardecer mentres agardamos a chegada do autocarro que nos levará de novo para Castela. 

O Bierzo, agosto de 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario