mércores, 9 de novembro de 2016

RELACIÓN DE FESTAS DOS MESES DE OUTUBRO E NOVEMBRO NO BIERZO.


GUÍA DE FESTAS DA REXIÓN DO BIERZO,
polo coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo,
falaceibe@yahoo.es

FESTAS DO MES DE OUTUBRO.
Nogar celebraba a festa de S. Lucas, pero agora tralada esta celebración para o Pilar (10 de outubro). Santalavilla festexa a Virxe do Rosario para os días 3 e 4 de outubro. Luyego da Somoza festexa, no segundo domingo de outubro,  a Virxe dos Remedios (8 ao 10 de outubro do 2016), onde se vendían produtos agrarios do Bierzo como avelás, almendras, noces, etc.

Festa de San Froilán na cidade de León para o domingo 2 de outubro de 2016, onde saen os pendois da rexión leonesa, ao igual que acontece coas festas da Virxe do Camino (5 de outubro de 2016).

En Carracedelo celebran a VI Feira do Pemento e Feira da froita de El Bierzo (9 de outubro de 2016). A feirta da Cebola ten lugar en Páramo do Sil (2 de outubro de 2016). Feira da Calabaza, en Igueña, para o 16 de outubro de 2016.

Para os Santos, Naraiola celebra a súa Noite do Terror (29 ao 31 de outubro de 2016).



O SAMAIN GALEGOBERCIANO.

O 31 de outubro celébrase o Samaín, festa de orixe celta. Esta data anuncia o novo ano que se produce co cambio de colleita e mailo fin do verán, segundo o calendario celta. Para os romanos o calendario anual principiaba en marzo. O ritual das calabazas ocas e iluminadas relaciónase cun obxeto para espantar os maos espíritos.  

OS MAGOSTOS.

Os pobos da rexión do Bierzo celebran os magostos coa recollida das castañas. Este froito do castiñeiro ten un significado de alimento de vida eterna porque nace dunha árbore centenaria. Na festa popular dos magostos os comensais tiznan as caras con cinza, para asustar aos espíritos da noite, bailan xuntos ó redor da fogueira en sinal de solidaridade e pasan por enriba das brasas para estimular o seu valor comunal. Magostos de finais de outubro teñen lugar en Valboa, Cacabelos, Fontesnovas, S. Pedro Olleros, Corullón, Vilalibre, Toural de Meraio, Valtuille, Folgoso da Ribera, etc.



Engadimos unha relación de refrais sobre os magostos do Bierzo:

"As castañas, a tódalas mañas" (cómense de diversas formas).
"A castaña sabe moita maña, que se vai con quen a apaña" 
"A castañeira remata na ribeira" (derradeiros froitos nas ribeiras).
"A castaña vén pola montaña" (este froito madurece antes nas montañas cós vales).
"Se chove por S. Pedro Fiz, castañas fermosas e nabos ruís". 

--------------------------------------------------------------------------------

FESTAS DO MES DE NOVEMBRO NA REXIÓN DO BIERZO.

OS MAGOSTOS.

Nas primeiras semanas deste mes continúan os magostos en Moreda, Camponaraia, Cubillos del Sil, Fabeiro, Molinaseca,  Páramos del sil, Compostilla, Ponte Boeza, Flores del Sil, Penalba, Sta. Marina del Sil, etc.

A seguir un feixe de refrais da nosa rexión berciana sobre os magostos:
"Por S. Euxenio (15 novembro) son as castañas ao fogo, a leña no fogar e as ovellas a empechar".
"Si se quer magosto, ten que chover en agosto".
"Por S. Cipriano, castaña na mao".
“Polo San Martiño (11 de novembro) faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto”.
"As castañas polo S. Martiño, teñen sede  e queren viño".
"Polo S. Martiño, vai ver o teu soutiño"
"Castañas, viño novo e chourizos no mes dos Santos son vicios" (Santiago Castelao Diñeiro)



O día 1 de novembro ten lugar o Día dos Santos e o 2 é o día dos Fieis Defuntos. Nestes días tiñan un protagonismo especial as confradías das Animas do Purgatorio. Estas confradías realizaban os correspondentes ritos funerarios para acadar a salvación dos defuntos. Nas igrexas había a procesión das ánimas que saía ao adro para dar varias voltas á igrexa cos fregueses. 

Tamén hai Xornadas Micolóxicas en Ponferrada (8 ao 11 de novembro de 2016) aproveitando a presenza dos cogumelos nos montes bercianos.

A feira de Biocastanea celébrase en Carracedelo (17 ao 20 de novembro de 2016).  Feira do Viño en Fabeiro, para o 5 de novembro de 2016, ademais de ter un mercado artesanal.

O Bierzo, novembro de 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario