FESTAS TRADICIONAIS DO MES DE MAIO NA REXIÓN DO BIERZO,
por Xabier Lago Mestre.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
www.bierzofree.blogspot.com
falaceibe@yahoo.es
En maio xa estamos de cheo na prmavera. Visítannos os vencellos e golondrinas cos seus xogos voadores. As pombas procuran sen descanso parellas para procrear. Os viciños teñen gañas de festa despois de deixar atrás a friaxe da invernía e mailas restriciois da cuaresma e semana santa.
No mes de maio do ano 2016 temos que as principais datas festivas se relacionan coa Coresma. Así acontece que a Ascensión coincide con 40 días despois da Pascoa de Resurreción. Pola súa banda o Pentecostés acontece 50 días após da Resurreción e mailo Corpus Christi aos 60 días, xoves seguinte ao noveno domingo despois da primeira lúa chea de primavera. A Santísima Trinidade coincide co domingo posterior a Pentecostés.
OS MAIOS DE VILAFRANCA DO BIERZO E VALDEORRAS.
Os maios de Vilafranca son do máis festivaleiras e populares. Son varios días de festa, música e baile. O 1º de maio é a festa grande que se inicia co corte das cañaveiras que formarán as ramaxes para vestir os grupos de maios polos diversos barrios. Cada grupo sae danzando e cantando para percorrer as rúas até chegar á praza Maior. Eiquí centos de visitantes acompañan os maios e se adornan con motivos vexetais no pelo ou na roupa. Todas as cámaras fotográficas recollen xestos, bailes e cantos en fotos e videos que suben de inmediato na internet para viaxar polo mundo dixital.
Non podemos pasar por alto os maios da bisbarra irmá de Valdeorras. Na vila do Barco teñen lugar uns peculiares maios. Trátase de maios enxebres e outros artísticos que elaboran os diversos colexios locais. Acompañan os viciños aos maios e entoan coplas e regueifas críticas e satíricas contra os poderes establecidos. Tamén hai mercadiño de produtos tradicionais e gastronómicos. Cóntannos que a recuperación dos maios barquenses foi a fines da década dos setenta do século pasado. Oxalá algún ano vindeiro haxa un irmanamento entre os dous maios de Vilafranca e do Barco.
AS FEIRAS DE SAN MARCOS DE CACABELOS.
Parece mentina que as vellas feiras gandeiras de San Marcos de Cacabelos continúen con grande éxito. Agora non hai xa gando pero si centos de casetas para a venda de roupa, comida, ferramentas, bisutería, e polbo para os xantares. Centos de bercianos e galegos chegan de todas partes para pasearse pola estrada principal da vila, a antiga nacional VI, dende a cooperativa vinícola até o santuaria das Angustias. Os vendedores quéixanse de que moitos visitantes só pasean sen mercar. Pero, dende logo, nese 1º de maio sempre hai miles de visitantes en Cacabelos.
Na Cabreira salientamos a romaría de Santa Elena (3 de maio de 2015), na Lomba, pois xa recuperaron a ermida queimada hai algúns anos. A ela acoden viciños de toda A Cabreira para pedirlle ás anta. Na Cabreira tamén ten festa en Forna, en honra da Virxe dos Remedios (15 de maio de 2015). O lugar Palacios del Sil celebra Nosa Sra. de Fátima (15 de maio de 2016).
En maio tamén aproveitan os barrios de Ponferrada a competir polas mellores festas. Catroventos principia as súas na primeira fin de semana. A seguinte semana é para Flores do Sil en honra do Xesús Divino Corazón. O dito popular nos di que "se hai bo tempo en Catroventos, haberá malo para Flores do Sil". Un exemplo da pugna vecinal. Por sorte, neste 2015 houbo bo tempo para ámbalas dúas festas.
A PROCESIÓN DOS AMORTEXADOS.
En Quintana de Fuseros ten lugar a coñecida coma procesión dos amortaxados (3 de maio). O seu cortexo está formado por feligreses que visten as que serán as súas mortaxas. Os devotos aproveitan a ocasión para facer rogos de mellora da saúde. Os ofrecementos consisten tamén en pagamentos á igrexa. A romaría vai dende a igrexa parroquial até a ermida da Santa Cruz ou da Cruz dos milagres. Crese que a orixe desta tradición vén do século XVII.
SAN ISIDRO LABRADOR.
No Bierzo central ten gran predicamento San Isidro Labrador (15 de maio) como patrón dos labregos (vinícolas, frotícolas, hortícolas...). Salientamos as festas de Cacabelos no barrio do mesmo nome. Outras son as de Toural dos Vaos coa súa procesión do santo. Posada do Bierzo, localidade de repoboación franquista, tamén conta con esta festa, ao igual que Cubillos del Sil. Por esta festa de S. Isidro labrador se canta "S. Isidro labrador, tú que tes o poder, quita o candado ás nubes, para que comece a chover".
Festa de San Bernardino en Castropodame (8-10 de maio de 2015). Tamén hai esta festa en Porcarizas (20 maio) e Yebra no val do Cabreira. Deixamos un refrán deste santo: "Polo S. Bernardino (20 maio) quen cavó cavó" (remata o tempo das cavas agrarias). En Almázcara celebran a Santa Cruz (3 de maio), ao igual que en S. Pedro Castañero. Na pequena localidade da Válgoma ten lugar a Ascensión (7 ao 8 maio de 2016) que coincide no xoves da sexta semana despois da Semana Santa. San Fernando festexase en Prado de Paradiña para o 30 de maio . En Prado da Somoza celebran S. Feliz, do 29 ao 31 de maio, coa compaña das gaitas locais e do pulpeiro.
A procesión da Virxe da Estrela ten lugar en San Xoán de Palozas (23 e 24 de maio de 2015), aos 50 días da Pascoa de Resurreción. Mentres que en S. Pedro de Troes ten a súa romaría da Virxe da Estrela para o 31 de maio de 2015 onde acuden moitos bercianos, cabreireses e valdeorreses. Dende a ermida hai vistas sen igual do val do río Cabreira.
Peculiar resulta a 4ª marcha rocieira do barrio de Torenillo do concello de Toreno. O día 30 de maio de 2015 hai marcha entre Toreno e Cubelos do Sil, pasando por Valdelaloba, Pradilla e Finolledo. Na súa organización participan diversas xuntas veciñais e a comunidade andaluza do Bierzo.
FESTAS DO CORPUS CHRISTI.
Salientamos as festas en Fabeiro (27 ao 29 de maio de 2016). Tamén en festas son: Oteiro do Toural dos Vaos (28 de maio de 2016), xunta Parandois. Alfombras florais fan en Vilafranca, Ponferrada ou Devesas, xunta a igrexa parroquial de S. Pedro. Vilamartín del Sil, Val de Finolledo na Veiga de Espiñareda, Espina de Tremor en municipio de Igueña, San Clemente de Valdueza e Valdecañada no concello de Ponferrada, Riego de Ambrós en el Camino de Santiago, Vilarbón en val de Ancares, Arlanza, Santibáñez del Toral, Cueto-Coto, etc.
A 8ª do Corpus coincide co segundo domingo posterior. Ten lugar en Ozuela, Santa Cruz del Sil e Finolledo. En Columbrianos (4 e 5 de xuño) destaca a procesión de pendois dende hai dous anos.
FESTAS PATRONAIS DA VILA DE CONGOSTO.
O dia 17 de maio de 2015 os viciños de Congosto baixan a Virxe dende o santuario da Pena de Congosto para a vila. Eiquí permanece até o sábado 30 de maio en que os viciños suben a dita Virxe para o seu santuario. Hogano aproveitouse a festa para presentar un libro sobre a historia da Pena de Congosto. Agardemos que sexa de interese para moitos.
OUTRAS FESTAS EN VALDEORRAS.
Na bisbarra viciña temos a romaría de San Xil (1 de maio) en Casaio, na municipio da Carballeda, onde domina a paisaxe das louseiras negras. Mentres que no Barco de Valdeorras temos as outras festas de Santa Rita (22 de maio) que tivo a súa orixe no barrio da estación. Hogano a santa trouxo sorte aos seus feligreses pois conseguiu o ascenso da equipa de futbol O Barco a terceira división galega, onde xogan varios bercianos.
Como nova festa temos a Feira de 1812 en Petín, xunto á vila da Rúa. Esta festa de recreación histórica lembra a ocupación francesa e a resistencia galega. No 2015 coincide coas datas de 30 e 31 de maio. Ademais, para o 16 e 17 de maio será a festa do cordeiro en Larouco. Tamén para estas últimas datas ten lugar a Ascensión en Rubiá. A Rúa festexa a Virxe de Fátima.
Non podemos pasar por alto a peculiar romaría de Lardeira, no concello de Carballeda de Valdeorras. No 2015 celebrouse esta romaría en honra do Pai Eterno polo 31 de maio e no 2016 coincide co domingo 22 (Santísima Trinidade). A imaxe é moi especial porque dun mesmo tronco saen tres cabezas. Os devotos queren pasar por debaixo do Pai Eterno para pedir os seus favores. Esta aldea de 28 viciños, a 1246 metros de altitude, a máis alta de Galiza, acoden devotos de Valdeorras, O Bierzo e A Cabreira. Esta romaría compite en asistencia coa festa patronal de Santo Tirso o 28 de xaneiro.
FESTAS SALIENTABLES FÓRA DO BIERZO.
En Brañuelas festexan S. Miguel para o 8 de maio con procesión que vai para a Era da Cruz con misa, polo serán hai xogo de bolos cepedanos. O Corpus se celebra en Ucedo (Villagatón).
Aproveitamos esta ocasión para salientar festas curiosas de fóra da nosa rexión. As festas dos Corpus Christi de Béjar (29 de maio de 2016), en Salamanca, amosa os chamados "Hombres de musgo". Estes personaxes históricos, vestidos con traxe de musgo vexetal, lembran o seu asalto á fortaleza bexarana posuída polos mouros. Até a data de hoxe non se puido demostrar a realidade histórica deste mito popular.
En Castrotierra, na bisbarra da Valduerna, celebran as Pascoas de S. Miguel y Pentecostés (14 de maio de 2016), coa suba de pendoes das localidades da terra.
Non queremos pasar por alto as festas no norte de Portugal. En Melgaço en honra de Nossa Senhora da Ascensao e Senhora da Orada (40 días depois de Pascoa), en Viana do Castelo teñen a festa da Sta. Cruz (tamén 40 días depois de Pascoa) e en Matosinhos festa do Senhor de Matosinhos (51 após da Pascoa).
O BIERZO, MAIO DE 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario