luns, 20 de xaneiro de 2025

GALEGUISMO DE ALFONSO CASTELAO NO BIERZO.

 

libro El Bierzo provincial

GALEGUISMO DE ALFONSO CASTELAO NO BIERZO,

 Por Xabier Lago Mestre.

Celebramos o 75 aniversario do pasamento de Alfonso Rodríguez Castelao. Este persoeiro de tanta Sona foi político galeguista, ensaista e debuxante. Salientamos o seu labor político durante a Segunda república, onde defendeu a autonomía de Galicia nas Cortes xerais. Coma tantos miles de derrotados na Guerra civil tivo que emigrar para Arxentina onde morreu en xaneiro de 1950. Por suposto, que non tivo muita relación co noso Bierzo. Aínda así fixo un breve comentario sobre O Bierzo no seu libro “Sempre en Galiza” (1944), “con todo é doado esperar que o Bierzo e demais comarcas limítrofes de Ourense e Lugo, se incorporen ao seo da súa nación natural, e que o tempo -gran curandeiro dos erros históricos- posibilite a reconstución total da nosa unidade”.

                Como temos visto no texto de Castelao, había un desexo político de incorporar a Galicia os territorios estremeiros galegofalantes do Eonavia, O Bierzo e As Portelas de Seabra. Esta idea anexionista non é un feito illado, xa que outros políticos e coletivos nacionalistas galegos compartiron este pensamento territorial. O partido galeguista apostaba pola “incorporación a Galicia das terras colindantes que teñan comunidade étnica, histórica e lingüística con ela”. No galeguismo de dereitas temos a R. Otero Pedrayo que dicía “o galego falábase na metade ocidental do Bierzo, até perto de Ponferrada (…), ligado aos destinos de Galicia” (Guía de Galicia, 1926). Incluso galeguistas de Valdeorras viñeron para O Bierzo a facer campaña. Así recolle o xornal Galicia (1931) que fixeron “una campaña anexionaista (…), con escritores bercianos pidiendo la anexión a Galicia y la creación en toda la comarca de un franco ambiente galeguista”. Finalmente, o Estatuto de autonomía de Galicia recoñecía expresamente “poderá agregarse a Galicia calquer territorio limítrofe, de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante os requisitos que as leis xeais establezan” (artigo 2).



                Durante a Segunda república houbo un forte debate territorial en España polo tema da concesión da autonomía política para as rexiois peninsulares. Castela e León reaciona contra a posible autonomía para Catalunya e tamén pide a súa descentralización política comandada polas diputaciois provinciais. Porque uns apostaban polas rexiois, outros polas provincias, e os menos polas comarcas. O falangista Ramiro Ledesma defendeu a comarca coma “nuevo modelo de articulación territorial destinado a proporcionar un desarrollo más equilibrado” (1931). Pola outra banda, J. Ortega y Gasset critica as provincias e favorece as grandes comarcas (Redención de las provincias).

                Aínda así, O Bierzo estivo presente parcialmente no debate político. Desde Asturias tamén se fan propostas territoriais, “que se respete por todos y quede consignada en la Constitución la voluntad de todas las regiones, aun de las que (El Bierzo o La Rioja por ejemplo) no están reconocidas oficialmente. Nada de uniformidades forzosas y artificiales” (El Aldeano, 1931). Desde Valencia Santiago Montero Díaz escribe “la diversidad de regiones geográficas no es menos importante que la de idiomas e instituciones: Galicia constituye con su provincia segregada (EL Vierzo), una región natural, montañosa y occidental” (Los separatismos, 1931). No Noticiero Gaditano (1932) e Diario Compostelano (1934) disertan sobre a necesidade de novas provincias, onde incluen O Bierzo. Desde o xornal La Marina da Habana, fíxose mención á mancomunidade galegoastur, “que nos incorpore la demarcación maragata y la demarcación del Bierzo que son más astures que leonesas” (1930).



                Por suposto, non poden faltar os medos leonesistas ao Bierzo galego. Lemos en Diario de León que “Equiagaray también es consciente de los atentados a la identidad leonesa y pretende potenciarla evitando toda posible confusión con las regiones vecinas. De años viene sucediendo este desgajamiento lamentable de León con entidad regional, por un lado se entrega a las corrientes asturianas, por otro a las dulces saudades gallegas y luego, en el edioto llano, se confunde insensiblemente con Castilla” (marzo de 1934). A emigración leonesa en Hispanoamérica tamén opina, “El Bierzo que aun perteneciendo a una misma provincia administrativa, fruto de una imposición caprichosa y sin valor geográfico, no pertenece a la misma región natural” (Centro Región leonesa, 1929). Coma exemplo anedótico do conflito rexional de España, traemos a colación que en Vilafranca houbo unha actuación de coros, pois cando interpretaron unha sardana catalá, certo público asistente protestou e houbo que suspender o acto público (El Debate, 1932).

                Na nosa rexión do Bierzo, así denominada por Verardo García Rey ( Vocabulario… 1934), eses debates territoriais pasan de longo. Había outra problemática local, coa muita conflitividade política, social e económica de grande interese. Así os xornais escribían sobre o “desarme de comarcas” de Vilafranca e Ponferrada (Adelanto, 1935) ante as revoltas mineiras. Andaban en liortas os socialistas, anarquistas, acción agraria, etc, incluso con feridos e mortos polas rúas. Violencias que se agravaron nas duras campañas eletorais. O deputado leonés Gordón Ordás foi acusado en Vilafranca de mandar disparar aos opositores (El Debate, 1935). O anticlericanismo levou á prohibición de procesiois relixiosas (Vilafranca, 1932), ataques a igrexas (Bembibre, Toural dos Vaos, Quilous…). Non pasamos por alto a revolución de 1934 ao berro de “comunismo libertario”, con queimas de concellos e arquivos de Bembibre, Fabeiro, A Veiga de Espiñareda ou Candín, e maila posterior represión militar desde León e Astorga.



Durante a ditadura de Primo de Rivera, o xeneral Gómez Núñez demandou a canle do Bierzo para os novos regos da ampla chaira. Ante os retrasos na súa construción, o político Angel Pestaña alertou da “injusticia que con la región del Bierzo se comete” (La Libertad, 1934) e da “aspiración de los sufridos campesinos del Bierzo” (1936). Tamén se reclamaron mellores transportes públicos. Unha Comisión de Vilafranca entrevistouse co xeneral Berenguer para pedir o ferrocarril até a cidade luguesa (1930). Outra desfeita foi a supresión da Casa cuna de Ponferrada pola Deputación leonesa, denunciada polos bercianos coma “representante de la antigua política caciquil” (1933). O pior sen dúbida sufrimos coa forzada emigración americana dos bercianos que souberon organizarse aló na Casa do Bierzo e Centro berciano de Bos Aires, ademáis de integrarse nos centros leoneses e galegos.

Oxalá este 75 aniversario de morte de Castelao sirva para unir máis Galicia e as comarcas estremeiras con tantos vincallos históricos e lingüísticos. Porque os lindeiros artificiais e políticos de hoxe non deben rachar cun espazo cultural galego compartido por miles de galegofalantes. Pasemos de tantos leonesistas e castelanistas que só verán novos intentos galegueiros de separatismos por mor das diferenzas idiomáticas.

O Bierzo, xaneiro de 2025.

Ningún comentario:

Publicar un comentario