A PERIGOSA DESCENTRALIZACIÓN NO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
Na historia comprobamos a
existencia das dependencias territoriais. Así foron os casos dos diversos
reinos respeito da Corona de Castela, das colonias coas metrópoles imperiais,
as provincias coas súas capitais, os señoríos fronte aos mosteios ou bispados,
etc. Outro tanto do mesmo acontecera co Bierzo, baixo a xerarquía da Corte
leonesa, ou fronte ao poder dos condes de Lemos na Idade media. Posteriormente,
a creación da provincia do Bierzo (1486), polos Reis católicos, significou
certo grao de autonomía territorial cos correxidores da Coroa.
Convén
saber que nas Cortes da Idade moderna eran mui poucas as ciudades (18) con
representación por merced real. A cidade de León tivo o privilexio real de
representación de tres territorios, a saber, provincia de León, principado de
Asturias e provincia do Bierzo. Por suposto, esta relación de dependencia
xerárquica non fue pacífica. Tanto Asturias coma O Bierzo protestaron por esta
férrea suxeición política, fiscal, xudicial e militar.
Temos numerosos exemplos documentais das reclamaciois do Bierzo ante a capital leonesa. Os rexidores da cidade de León demandaron numerosos soldados bercianos que muitas veces provocaron protestas locais, “sus vecinos e naturales tienen mucho descontento y menor ánimo, dexando sus hijos, mujeres expuestas al enemigo” (1641). Outro tanto acontecía coas sucesivas reclamaciois de León de máis cartos polos impostos (servizos, millóns…). A nivel xudicial, Ponferrada pediu a descentralización fronte ao Adelantamento leonés, “non vos entrometays a conocer (…) de ningunas cabsas cebiles ni criminales tocantes a cualquier concejos e personas de su jurisdición, e le dexeys libremente conocer dellas” (1505). Outros exemplos de demandas descentalizadoras foron a provincia liberal de Vilafranca, durante o Trienio liberal, e as continuas reclamacióis, desde 1833, pola recuperación da provincia do Bierzo.
Damos un salto
temporal até a chegada da democracia en 1978, para ver a revitalización das
demandas descentralizadoras do Bierzo. Neste contexto tivemos as reclamaciois
da recuperación da provincia ou rexión,
que finalmente quedaron no recoñecemento legal da Comarca (1991). Sen embargo,
desde León non todos admitiron a nosa descentalización parcial. Así o Grupo
autonómico leonés (1978) pediu un recoñecemento confuso para as comarcas.
Mentres que o Bloque radical del país leonés (1979) falou da federación entre
León e O Bierzo. Máis tarde, Unión leonesista (1988) denunciou os intentos de
desmembración da provincia ante o inicio dos debates políticos sobre a futura
Comarca berciana.
Trala
aprobación da dita Comarca, novos temores leonesistas, por iso o político Rodríguez
de Francisco (Upl) declara “la Junta ha seguido la rastrera política de divide
y vencerás, creando un sentimiento antileonés en El Bierzo“ (1995). Nesta
dinámica antiberciana, tamén o presidente da Casa de León en Madrid, conde de
Gaviria, dixo que “andan intentando separar El Bierzo” (1994). Ante o
recoñecemento do galego no Estatuto de autonomía de Castela e León non faltan
as críticas leonesistas. O Acordo pola identidade leonesa (2000) foi asinado
por diversos partidos, no seu punto 5 lemos que “mostramos nuestra oposición a
que se adscriban a otros territorios (castellano, asturiano y gallego) parajes
y territorios que administrativamente pertenecen a León”. De xeito tácito xorde
a posible anexión do Bierzo a Galicia.
Outro tema
bercianista que desagrada ao leonesismo é a lingua galega. Cando se admiten as
clases voluntarias de galego nos colexios do Bierzo, de súpeto a contrareación
leonesista. Os inteletuais e políticos de León elaboran o seu relato antigalego
sen xeito. Segundo o xornalista Magin Revillo, promotor dun “Manifiesto
leonesista”, dinos que este “nació del descontento surgido, principalmente, por
la implantación de la enseñanza del gallego en las escuelas del Bierzo” (1994).
O presidente do Conceyu xoven, Abel Pardo, tirou da artellaría verbal, “la
lengua que se impondrá sería el gallego” (…), “ante el afán invasionista del
gallego oficialista que apoya la propia Junta de Castilla y León” (1999). Todos
exemplos da defesa da utópica unidade territorial e lingüística leonesista do
seu vello reino fronte aos presuntos ataques foráneos.
En 2006 tivo
lugar a inclusión democrática de Palacios del Sil no Consello comarcal do
Bierzo. Pois ben, Roberto González Quevedo, membro da Academia da lingua
asturiana, escribe “el sueño paranoico del nacionalismo gallego de convertir El
Bierzo en la quinta provincia gallega. Además añade, “se pretende destruir a
sangre y fuego el asturleonés e implantar el gallego” (2006). Esta visión
leonesista aloucada debería dar vergoña, polo frontismo subxetivo, ao seu
autor.
O avance do
bercianismo político, social e simbólico non deixa espazo para o leonesismo.
Velaí a obriga de admitir xa a Comarca legal, a lingua galega, a bandeira
Cruceira, ademáis da existencia da traxetoria provincialista do Bierzo. Unha
nova proposta leonesista xorde, “un Informe sobre la Autonomía leonesa” (2021)
refírese á creación de dous departamentos para León e O Bierzo. Esta idea
territorial non incentiva para nada o debate berciano. Mentres tanto, inteletuais
leoneses seguen coas súas tolerías. O sociólogo David Díez Llamas escribe,
“también considero que desde la Junta de Castilla y León sigue una estrategia
de divide y vencerás” (2023). O novelista Juan Pedro Aparicio comenta “con León
se practica esa artimaña de divide e impera, fomentando la insolidaria política
entre El Bierzo y León” (2023). Outro máis, o ensaista Javier Callado amósase
contrario ao provincialismo berciano, “sólo podría incorporarse como comarca a
Lugo y Orense” (2023).
En fin, todo
vale ao leonesismo para desprestixiar o bercianismo, sexa político e social, o
avance da lingua galega, o provincialismo secular e mailo simbolismo propio.
Leonesismo que non ten sido capaz de negociar o máis mínimo cos bercianos,
mentres que non para de atacar a quen considera unha comarca xeográfica máis do
seu antiguo reino.
O Bierzo,
xaneiro de 2025
Ningún comentario:
Publicar un comentario