NOSO BIERZO FORALEIRO,
Por Xabier Lago Mestre.
Galicia
e O Bierzo teñen unha ampla historia común que a xente descoñece. Hai muitas
instituciois que compartimos ámbolos dous territorios (concellos, feguesías,
compaña, foros, etc). Nesta ocasión pescudamos no tema dos foros agrarios que
estiveron presentes na meirande parte do noroeste peninsular. Os tombos dos
nosos mosteiros bercianos están cheos de referencias aos ditos foros, coma os
arquivos señoriais e protocolos notariais.
Comezamos
na Idade media para indicar que os foros agrarios eran contratos que se
establecían entre os señores (laicos e eclesiásticos) para fixar a explotación
dun ben (terra, prado, casario…), ademáis de regular unha relación de vasalaxe
entre ámbalas dúas partes (suxeitos xurídicos). Velaquí o caso do mosteiro de
Carracedo que afora en Canteixeira. Trátase de herdades para os vasalos, “que
la tengades poulada por vos personalmente e la labredes bien”. Coa
contrapartida de dar á abadía, “nos dedes la quarta, de aquanto labrardes, e
criardes cada año e la tercia de los porcos, quando foren de vez, e la meatade
das eguas, e del ganado mayor partir la crianza cada cuatro años”. Este foro
fixa unha nova relación, “e que seades fieles vasallos del abat e del convento”.
No caso de rachar este vincallo de vasalaxe, “perda por ende el suo quiñon
daquella herdade, e fique libre e quita al monasterio, con todos los labores e
bonos paramentos”. A herdade resta ben
vencellada, e non se pode separar do patrimonio monástico, “non haber poder de la
vender, nen de la sopinorar, nen alear por ninguna manera” (ano 1273).
Por
suposto, os señores laicos tamén fixeron uso destes foros agrarios, caso dos
marqueses de Vilafranca. O historiador Alfonso Franco Silva fai mención a
numerosos foros, entre eles, en Barxas, por casa e terreos hai que pagar unha
tega de centeo e unha galiña (1472). Por outro foro en Sigueia da Cabreira, por unhas herdades de pan e viñas tiñan que
pagar 14 fanegas, metade en trigo e metade en centeo, máis 13 cañadas de viño
(1505). A longa duración dos foros é unha singularidade desta institución, que
os diferenciaba do arrendamento e parcería. Así no Bierzo podían ser a
perpetuidade ou por tres vidas de reis e 29 anos (as chamadas voces).
Temos
visto os foros agrarios mais tamén houbo outra tipoloxía. Así salientamos os
foros coletivos que se establecían cos concellos por localidades para a
explotación de bens de xestión coletivos (montes, pradoiros, lameiros,
morteiras, brañas…). Por estes desfrutes coletivos había que pagar unha renta
ao señor. Outros foros foron os de poboamento que a Corona e os señores (laicos
e eclesiásticos) fixaban para atraer e protexer a nova veciñanza, a cambio do
pago dunha renta comunal, á vez que se determinaban as exenciois fiscais.
Por
suposto, a pobreza xeral dos vasalos agrarios, fronte ás sucesivas demandas
fiscais dos señores e da Coroa, provocaron numerosos conflitos acotío á hora de
recadar. Muitos destes problemas non se recolleron na documentación secular
pois tivo un protagonismo oral. O propio rei Felipe II lexisla sobre os censos
para declararlos redimibles, de “Galicia
y León y provincia del Bierzo y marquesado de Villafranca y en el principado de
Asturias” (1573). Os señores, ante os problemas de recadación de cartos,
recorreron ante os chamados cabezaleiros, que foron os intermediarios que se
aproveitaron das dúas partes, dos pobres foreiros e dos señores. Temos varios
preitos sobre estes conflitos, casos do arrendador de foros dos marqueses de
Vilafranca e certos veciños de Corullón, polo pago de trigo, centeo e galiñas
(1767), ou entre a colexiata de Vilafranca co arrendador dos seus foros e
diezmos (1824).
No
século XVIII, ante a finalización de muitos foros agrarios, medrou a
conflitividade social. Salientamos os duros apeos dos seus foros que fixo o
mosteiro de Samos na zona de Toural dos Vaos. Até tal punto chegou o grave problema
dos despoxos dos foreiros que os altos tribunais tiveron de intervir (Audiencia
de Galicia e Consello real) ademáis da
propia Coroa. Sabemos que veciños da vila da Veiga, de Fontoria e Sésamo,
“comprendidos todos en la provincia del Bierzo”, preitearon contra do mosteiro
de San Andrés de Espiñareda, e reclamaron ante o Consello real, o cal
determinou “les vuelva las tierras de que les ha despojado, y tenían en foro
vitalicio los causantes respectivos de estas partes”. A Real provisión de 28 de xuño de 1768
estendiu á provincia do Bierzo e provincia de Asturias a resolución favorable
para os foros do reino de Galicia de 1763. Tamén os foreiros do marquesado de
Vilafranca pediron converter os seus foros en censos perpetuos. O propio
marqués pediu á Coroa licencia para realizar dita conversión (1762) (xornal El
Progreso, febrero de 1909).
Na
segunda metade do século XIX o Estado español forza o uniformismo xurídico. Asi
hai un gran debate político na formación do Código civil contra os dereitos
forais de Euskadi, Catalunya e Galicia. Tamén os xornais de Galicia fixeron
referencia aos foros do noroeste, “no sólo en Galicia, sino también en
Asturias, León, Vierzo y Villafranca” (El Correo de Lugo, xuño de 1860). A
Gaceta de Madrid (21 de xullo de 1886) recoñece expresamente os “censos en
Galicia, Asturias y León”, esta última concrétase no Bierzo. Os debates
continúan no século XX, o proxeto de apéndice do Código civil, elaborado pola
Comisión especial de Dereito foral de Galicia (1923), establece a singularidad
foral no artigo 94, “no regirán en las provincias de Galicia, ni en el Principado
de Asturias ni en la comarca del Bierzo los artículos 1611 y 1655 del Código
civil”.
Aínda
na etapa franquista hai debate sobre os foros agrarios. Por iso créanse tribunais
de foros por partidos xudiciais. En Vilafranca hai bens embargados, caso de
viviendas, por impagos forais en Busmaior, aínda “que no existen títulos de
propiedad de aquellos” (1945). Incluso otra sentenza fai mención nominativa dos
numerosos veciños de Busmaior, segundo as súas casas (Miguel, Cobo, Nueva,
Panadero…), que teñen satisfeito a paga da pensión durante 30 anos inmediatos,
mentres recorda a “sentencia condenatoria de los cabezaleros” de 1932. A
resolución xudicial indica o pago dun foro coletivo, “obligados solidariamente
a satisfacer”, de 37 fanegas e 10 cuartillos de gran de centeo máis 137 reales
desde 1876.
O Bierzo, outubro de 2024
WWW.BIERZOFREE.BLOGSPOT.COM
Ningún comentario:
Publicar un comentario