INTENTONAS DE ORDENACIÓN TERRITORIAL,
Xabier Lago Mestre.
Na veciña Galicia tivo lugar recentemente un Congreso de
reforma do mapa municipal. Pouco ou nada se pode tirar desta xuntanza porque
seguen cos mesmos proxetos de fusiois municipais, mancomunidades
intermunicipais, áreas metropolitanas e consorcios. Muitos aínda recordamos
cando Galicia intentou, pola década dos anos noventa do século XX, a reforma
comarcal. Daquela gastáronse miles de cartos para delimitar 53 comarcas,
nomeáronse os seus xerentes e creáronse fundaciois. De todo iso xa non queda
nada. Outro fracaso máis!. Hoxe hai 313 concellos e 3771 freguesías sen en unha
ordenación territorial axeitada. Sen embargo, todos vemos que O Barco de
Valdeorras, Quiroga, Monforte, Verín, Becerreá, etc deberían ser potenciados
coma centros comarcais.
Polo que se
refire a Castela e León, coa chegada da democracia todos os partidos falaban do
novo protagonismo territorial das comarcas desta estensa Comunidade autónoma.
Velaí os debates da Comisión de comarcalización en 1984. Depois as comarcas
foron consideradas perigosas para calquera ordenación territorial alternativa
ás provincias de 1833. Por iso, en 2000, fixaron as áreas funcionáis estables
(13), para logo xurdir o mapa das unidades rurais (2015). Coma non houbo acordo
político de consenso todo está sen execución.
Los
bercianos aínda lembramos cando nos debates polo recoñecemento da Lei da
Comarca os partidos discutían sobre se sería mellor a previa aprobación dunha
lei xeral de comarcas. Por sorte, primeiro foi a creación da Lei da Comarca do
Bierzo, doutro xeito hoxe non habería nin lei xeral nin lei singular. En
política hai que saber aproveitar as conxunturas favorables. O Bierzo soubo
saírse coa súa e ter o necesario recoñecemento legal, primeiro autonómico
(1991) e logo orgánico no Estatuto de Castela e León (2007), que reforzou a súa
existencia institucional.
A rexión do
Bierzo está mui alonxada dos centros provinciais (León, Lugo, Ourense…).
Ademais é un territorio moi periférico por mor das serras que nos afastan. Resulta
lóxico que se reclame desde séculos una ordenación territorial específica.
Históricamente, xa tivo ese recoñecemento territorial e institucional con dúas
provincias (Antigo réxime desde 1486 e liberal desde 1821). A isto engadimos a
existencia dun centro urbano coma Ponferrada que exerce as súas influenzas
funcionais (sanitarias, comerciais, administrativas, comunicaciois…) sobre
varias comarcas veciñas (Laciana, A Cabreira e Valdeorras). Máis de 120.000
habitantes merecen outro tratamento administrativo por parte dos gobernos
foráneos, como si o teñen outros territorios de menor poboación (Zamora, Soria,
Avila, etc.
Por todo o dito, parece razonable que
no século XXI haxa unha atitude máis descentralizadora co Bierzo. Hai que
potenciar o Consello comarcal para compensar as graves carencias (persoais,
materiais, económicas…) dos concellos rurais e das numerosas pedanías. Estes dous tipos de corporaciois locais
tiveron a súa orixe na Idade media, mais hoxe teñen perdido gran parte da súa
funcionalidade, velaí o seu grave perigo de desaparición. Sen o decidido
complemento competencial do Consello comarcal, a meirande parte dos concellos e
pedanías non poderán sobrevivir. O futuro institucional do Bierzo está en crear
un Consello comarcal forte, capaz de negociar co resto de instituciois (Junta
CyL, Deputación, Estado e Unión europea) pola descentralización axeitada.
A rexión Sileste pode organizarse
doutra forma. Queremos dicir que hai un gran centro urbano, Ponferrada, mais
isto non empece que haxa outras cabeceiras comarcais. Así debería acontecer con
Villablino/Laciana, Bembibre/Boeza, Fabeiro/Ancares, Vilafranca/Valcarce e A
Ponte/A Cabreira. Para acadar isto hai que articular as vías de comunicación e
os transportes públicos, e potenciar os servizos públicos.
Noutras épocas pasadas tivemos
sucesivas dinámicas económicas. Primeiro agrogandeiras e viñateiras, no século
XX industriais (mineiría do carbón e ferro, madereiras, cementeiras, enerxía
térmica e hidroelétrica…), e hoxe, louxeiras e otras enerxéticas. Porque o
capitalismo estatal e internacional establecerán novas funcionalidades
económicas para esta rexión dependente. O difícil será compaxinar a agricultura
tradicional e ecolóxica coas novas imposiciois enerxéticas lonxanas (hortos
solares, biocarburantes, muíños de vento…). Dende logo, necesitamos unha
institución comarcal que supere os meros intereses localistas e, con forza
abonda, represéntenos para resistir as presiois foráneas que se aveciñan sen
xeito.
O Bierzo, outubro de 2024.
Ningún comentario:
Publicar un comentario