xoves, 10 de outubro de 2024

AS HISTORIAS IRMANDIÑAS NO BIERZO.

 

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL

HISTORIAS IRMANDIÑAS NO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

De novo os irmandiños voltan a Ponferrada para recordar a revolta medieval contra o conde de Lemos. Máis aló das representaciois teatrais entre cabaleiros e vasalos polas rúas e castelo desta cidade, convén coñecer un pouco daquela historia recuperada que non é muita. A fines do século XV os vasalos foran asoballados polos seus señores. O sistema económico, xurídico, fiscal e eclesial favorecía a uns poucos privilexiados fronte á meirande parte da poboación subordinada. Velaí que xurdiran numerosas protestas antiseñoriais. A que hoxe tratamos é coñecida coma revolta irmandiña que se estendeu por todo o noroeste peninsular.

                Os núcleos galegos da rebelión irmandiña tiveron continuidade na chamada Galicia estremeira. As comarcas periféricas participaron deste movemento levantisco. Foi o caso do ocidente de Asturias, segundo nos indica o historiador Vasco de Aponte, pois o capitán Pedro Osorio tivo apoio de fidalgos galegos e asturianos de Navia e Burón, zonas dependentes do bispado de Oviedo. Polo que se refiere ao sul, na comarca da Seabra está documentado que o IV conde de Benavente, Rodrigo Alfonso Pimentel, atacou aos irmandiños na localidade de Cobreros, o cal señor “mando poner fuego al lugar, y que todo se quemó y que quedaron perdidos” (Isabel Beceirro Pita).


             

                Sábese que unha coluna irmandiña, de Alonso de Lanzós, entrou desde Ourense en Valdeorras. Nesta comarca os vasalos atacaron dous castelos, o do Castro, xunta O Barco, era de Juana de Castro, señora de Valdeorras e Manzaneda. O outro castelo foi do Bolo, de Juan Pimentel, señor de Viana e O Bolo. Por certo, segundo preito de 1520, o dito señor impuxo pola forza a reconstrucción desta fortaleza (Isidro García Tato). Esta frente irmandiña ben puido entrar no Bierzo polo estreito de Covas e derrubar os castelos de Lusio, Pena Ramiro e Pena Vellosa na comarca da Cabreira Baixa, para continuar até a fortaleza de Cornatelo.

                Outra coluna irmandiña de Pedro Osorio entrou polo porto do Cebreiro desde Lugo. O seu obxetivo foi atacar os castelos do conde de Lemos nesta zona, a saber, Serracin, Corullón, Vilafranca e Ponferrada, onde se escondera o fuxido conde de Lemos. Cando chegaron os milleiros de irmandiños tivo o perseguido conde que marchar para León. Das actividades militares no Bierzo sabemos de dous centros irmandiños, Ancares e Arganza. No primeiro os imandiños enfrontáronse ao poder señorial do mosteiro de Espiñareda, e no segundo o señor de Arganza foi morto polos seguidores do conde de Lemos.



                De seguro que na rexión do Bierzo houbo máis apoios irmandiños dos que non temos documentado, porque a revolta defendia os seus intereses labregos e fidalgos. Pola contra, sabemos que o conde de Lemos marchou para Madrigal con xente de Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada para conseguir apoio da Santa irmandade de Castela (marzo 1468). Por suposto, esta institución foránea casou ben cos intereses do conde porque só el podería recadar cartos para a irmandade castelá.

O CONDE SEÑOREABA O BIERZO.

                O Bierzo medieval estaba controlado polo réxime señorial (laico, eclesial e monástico). A debilidad da Coroa de Castela favoreceu o medre dos señores. Velaí as concesiois reais hereditarias (condado de Lemos 1456, marquesado de Astorga 1465…). Mentres que os mosteiros recibiron numerosas exenciois fiscais e privilexios. Unha derivada das guerras de sucesión da Coroa foron as luitas entre os señores polos diñeiros e vasalos.



                O poderoso conde de Lemos dominaba O Bierzo e quería subordinar ao resto de señores e vasallos, propios e alleos. Por iso guerreou co señor de Bembibre, co marqués de Astorga e o conde de Benavente que atacaba desde a súa encomenda dos Barrios de Salas. Tamén tivo de pactar cos inimigos, ao marqués de Astorga cedeu Chantada e Sarria (setembro 1467). Tampouco faltou a política matrimonial para establecer alianzas conxunturais, coma os casamentos entre os Lemos, Quiñones,  Astorga ou Benavente.

Máis doado foi dominar o outro poder monástico xa que non tiñan resistencia militar. Un texto indica que “conocio al dicho conde ser ombre muy poderoso e mandaba e señoreava toda esta provincia del Vierzo, e vido que para haser la fortaleza de la villa de Ponferrada traya los ombres de las abadyas, así como de San Pedro de Montes e de Santa Marya de Carrazedo e de Sant Andres de la Espinareda, e los trya para la dicha fortaleza e les mandaba como a sus vasallos”. Claro exemplo da subordinación monástica ao conde.

                Nun preito señorial entre vasallos e maila abadía de Carracedo (1513), os primeiros alegaron que o conde de Lemos creou novos impostos agrarios, “quando las hermandades del Vierzo despues volvió, avya empuesto estos quartos e quintos en los lugares de la abadia y términos de Faveiro y campo de Naraya”. Curiosamente, a imposición dos ditos quintos por roturar novas terras tamén foi obxeto de preito en Castro Caldelas nun preito contra os condes (1523).



                A derrota dos irmandiños pola poderosa nobreza favoreceu a reseñorización. Consecuencias desta nova xeira foi a forte represión (mortes, penas…), control parcial da xustiza, obriga de serventías para reconstruir os castelos atacados, imposición fiscal (quintos, tallas…), creación de localidades en lindeiros doutros señoríos (Fontes Novas e Campo xunta Ponferrada), confiscaciois, caso da terra de Arganza, etc.

                O reforzamento da Coroa, cos chamados Reis católicos, foi a chave do cambio de época. A polémica herdanza do condado de Lemos e as desputas entre familiares permitiu a  intervención real. A arbitraxe neste conflito favoreceu á Coroa e os seus, caso dos condes de Benvente. De nada serviron os ataques militares do conde de Lemos (1485 e 1507) e preitos xudiciais por recuperar os seus territorios. A consecuencia da derrota militar dos Lemos foi a perda definitiva das posesiois bercianas. Isto foi así porque a Coroa xa tiña planificada unha nova organización para O Bierzo, redución territorial do condado, creación do marquesado de Vilafranca, formación da provincia do Bierzo, establecemento da nova capital reguenga en Ponferrada, ordenación da nova xustiza real (correximento, Adelantamiento…

                Por todo o visto, os irmandiños abrangueron vasalos das comarcas máis estremeiras que tiveron unha clara vontade coletiva de resistencia antiseñorial. A derrota irmandiña favoreceu a reseñorización de fines da Idade media. O vitorioso novo poder real limitou parcialmente os abusos do poder señorial, aínda que a alta nobreza foi aliada da nova política real (administración, militarización, internacionalismo, etc.  As clases dependentes (vasalos, pecheros…) puideron recorrer ante a xustiza real, a cal lexitimou o réxime señorial que privilexiaba aos poderosos.

O BIERZO, OUTUBRO DE 2024.

BIERZOFREE.BLOGSPOT.COM

Ningún comentario:

Publicar un comentario