sábado, 2 de novembro de 2024

CHEGAN OS MAGOSTOS BERCIANOS.

 

Libro El Bierzo Provincial.


CHEGAN OS MAGOSTOS BERCIANOS,

Por Xabier Lago Mestre.

Estamos xa no mes dos magostos como anuncian as numerosas convocatorias das localidades bercianas, tanto nos carteis coma pola internet. Dende logo é un sinal de identidade coletiva berciana esta celebración popular tan sentida que compartimos con Galicia e non tanto con León. Coa chega das boas castañas a economía castañeira renace con maior dulzor. Quen non lembra esas andainas polos soutos desertos, cheos de castañas no chan, ninguén se pode resistir ao apaño agochado!.

A tradición recorda que ten unha grande simboloxía o magosto. Fálase de que as castañas representan a morte, mentres que o fogo significa a purificación, e maila compaña do viño novo a resurreción e o renacer. Velaí tamén os  brincos sobre a fogueira que limpa aos valentes saltadores co seu fume. A relixiosidade popular máis profunda dicía que con cada castaña aberta polo lume liberábase unha alma do purgatorio.



Hoxe ben sabemos da importancia dos concellos rurais na organización destes magostos. Antano os concellos tiñan muito protagonismo. Así, as terras dos soutos eran comunais mentres que os castañeiros eran privados. Isto é así porque o concellos xestionaban a plantación das árbores pola veciñanza para o seu proveito persoal. Incluso os castaños eran transmitidos por venda ou herdados polos sucesores. Ademais, os concellos determinaban as datas da colleita de castañas, coutando os soutos, para empecer a entrada dos veciños e forasteiros. Cando chega a xeira dos magostos, os concellos desacoutan para que os propietarios apañen as castañas. A data magosteira vai de Tódolos Santos até san Martiño (11 de novembro). Depois da entrada dos propietarios poderían pasar o resto de veciños pola chamada rebusca dos froitos esquecidos ou estragados. Os refráns recordan o destino das derradeiras castañas, “as castañas que depois de san Martiño quedan no souto, son do moucho” e “castañas que están no souto, igual son para min que para outro”. Para unha mellor vixilancia coletiva, os concellos tamén organizaban os apaños das castañas por zonas do monte, concretando os soutos tomados de cada vez.  

A explotación dos soutos estaba ben xestionada para impedir os conflitos. O terreo singular de cada castiñeiro estaba delimitado pola súa copa vexetal. Ademais, colocábanse no chan tablas, sucos ou ramaxes para que os froitos caídos non pasaxen a zonas do castiñeiro veciño. As pendentes do terreo nos soutos salvávanse con socalcos de nivelación. Como ben sabemos os camiños e carreiros son públicos, polo tanto as castañas caídas neles poderían collerse polos veciños. Un refran recorda, “castañas que caen no camino, deixan ao amo e veñen comigo”. Había concellos que nomeaban vixiantes locais para cumprir coas normas do dereito consuetudinario. Oficios relacionados cos soutos son os dos vareadores de castañas e os podadores, e tamén había edificios específicos, coma os secadeiros dos froitos.



Os vincallos das localidades bercianas cos soutos de castaños vén de lonxe no tempo. Por iso a presenza dos nomes de Turienzo Castañero, Soutoparada, Parada de Souto ou Castañoso, Castañeiras, etc. Ainda que a toponimia menor é muito máis rica como ben podemos supoñer pois os soutos abundan polo Bierzo montañoso.

A literatura oral berciana recolle numerosos refráns referidos ás castañas e os tempos climáticos. “Agosto mollado, castañas a cestados”, “agosto seco, castaña no cesto”, “castañas do Nadal, saben ben e parten mal”, “as castañas queren en agosto arder, e en setembro beber”. Pola súa banda, para os magostos temos “auga de agosto, nin bon nabo, nin bo viño, nin bon magosto” e “castañas do teu magosto, non chas quero, que me cheiran a chamusco”.

En tempos de tanto individualismo, agradécese o mantemento desta tradición dos magostos nas pequeñas localidades rurais, onde a súa reducida veciñanza reforza os vincallos solidarios. Outro tanto acontece nas vilas e ciudades, nestas acuden os veciños en grandes concentraciois para desfrutar do ritual do magosto polos seus barrios. Acotío na praza de Julio Lazúrtegui de Ponferrada unha vella locomotiva a vapor vende castañas quentes nas noites frías. Mentres voltean os tambores, cavilamos na roda da nosa vida. A cadencia das gaitas move os nosos corpos máis marchosos. Que non morra a festa rachada!.

 

O Bierzo, novembro de 2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario