luns, 9 de decembro de 2024

OS MONTES COMUNAIS DO BIERZO.

 

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


OS MONTES COMUNAIS DO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

Cando percorremos os montes bercianos tomamos conciencia do abandono do rural. Desfrutamos da diversidade da paisaxe, as varias formas orográficas, as ribeiras cheas de árbores de folla caduca, os pradoiros sen sega, as hortiñas sen cavaduras, os soutos de castañeiros, as carballeiras e as fragas, os montes cheos de matoeira diversa, nas zonas rocosas de penedoiros e cárcavas, etc. Sen embargo, no pasado lonxano isto non foi así, porque os montes estaban explotados ou en descanso (poulas) pola veciñanza das súas localidades.

                Salientamos a importancia dos concellos bercianos na explotación dos montes comunais. Había un continuado traballo veciñal nese terrádego. Está ben dar a coñecer o proceso coletivo de explotación deses montes sempre coñecidos no Bierzo coma searas, cavadas, bouzas, rozadas, etc. O primeiro traballo do concello era elixir o terreo do futuro cultivo entre os sucesivos montes propios. Depois a veciñanza sachaba o terreo co pesado legón. A seguir tiña lugar a queima limitada para evitar a súa propagación descontrolada. As cinzas servían de abono vexetal. Logo a sementeira segundo fose centeo, trigo, toxo ou herba. Tamén hai abono con estrume traido das cortes dos animais domésticos que se esbardallaba polas novas terras de cultivo. 



                Os concellos rurais dividían o amplo terreo comunal cultivado, chamado agra, en porciois de eiros (sortes) para o cultivo particular polos veciños. Tanto a agra coma os eiros eran delimitados de forma temporal por materia vexetal para empecer a entrada dos animais. Trala colleita tiña lugar a malla comunal. Na mesma malla podía facerse o reparto do froito para os pagos varios, así das rendas señoriais ou dos diezmos parroquiais. Por suposto, eses montes comunais, recentemente traballados, necesitaban de longos períodos de descanso (poulos) para recuperar futuras produtividades agrarias, mais tiñan a visita anual dos gandos.

                Unha peculiar explotación dos montes era a do toxo nas zonas gandeiras. O terno toxo era pasto para cabalos, cabras, ovellas ou vacas. A pranta arbustiva servía de estrume e fertilizante, que maceraba nas cortes cos excrementos dos animais e que tiraban para as terras de labor coma mellor abono. Cando o toxo estaba mui medrado, metían lume nas toxeiras, logo entraban e cavaban as súas raiceiras de xeito comunal, ademáis do arranque desas plantas, posteriormente a sementeira e xermolan os bos toxos. Recordamos que a madeira de toxo tamén se aproveitaba como combustible nas lareiras das moradas veciñais.

                Outros terreos de pastos foron os pasteiros e enchoupadas lameiras, ademáis das morteiras e alzadas para pastos das grandes bestas (vacas, cabalos e bois). Mentres as brañas  foron durante séculos alugadas aos rabaños de ovellas meirinas de Castela que emigraban até O Bierzo. Dende logo esas brañas significaron grandes ingresos monetarios para os concellos rurais. Por suposto, os grandes señores luitaron pola posesión das serras e portos Ancares, Fonela ou Gistredo) para a súa cesión aos gandeiros mesteños. Velaí a conflitividade provocada polos condes de Luna, marqueses de Vilafranca e abadía de santo Andrés de Espiñareda cos concellos rurais.



                Os peculiares bosques bercianos tiveron unha importante explotación comunal. Ben o sabemos dos soutos coas súas castañas, follas, ramaxe e madeiras. Outro tanto coas carballeiras da mellor madeira. E qué decir das sufreiras, enciñas e rebolos, cuxos froitos alimentaron a tantas piaras de gochos bercianos. O carbón vexetal tivo muita importancia como combustible  das grandes vilas bercianas cando o carbón mineral non tiña aínda aproveitamento masivo.

A DEFESA DO COMUNAL BERCIANO.

                A conflitividade polo aproveitamento dos recursos agrarios e gandeiros foi secular. Os concellos desputaron secularmente contra os señores polas terras, froitos e rendas. Tamén os concellos bercianos preitearon entre eles polos bens comunais (madeiras, pastos, fontes, etc). Tiveron de ser os tribunais os que ditasen sentenzas ante os desacordos entre concellos. Algúns destes endebedáronse para levar os seus longos preitos até a Chancelería de Valladolid, case nada!. Este foi o caso da Devesa do Fabeiro, entre o concello de Ponferrada e o mosteiro de Carracedo. En principio todos os montes tiveron un titular único, a Coroa de Castela, velaí a intervención do correxidor de Ponferrada, representante real na provincia do Bierzo, na defesa de ditas propiedades boscosas. Foi a Coroa quen cedeu parcialmente os montes aos señores (laicos ou mosteiros) e concellos rurais (autorización para novas roturaciois).

                No século XIX, o novo réxime liberal favoreceu o individualismo económico fronte ao coletivismo secular dos bens comentados. Os bens comunais non tiñan titulares individuais polo que non se podían segregar ou vender. A súa propiedade era veciñal, xestionada polos concellos. O réxime político liberal aprobou varias desamortizaciois para apropiarse deses bens comunais. Incluso eliminou a personalidade administrativa dos concellos rurais, empecendo a xestión dos seus bens comunais, e así dar máis poder aos novos concellos municipais.



                A ditadura franquista forzou as repoboaciois vexetais con piñeiros. Rexurdiu a resistencia dos concellos rurais na defesa dos seus bens comunais, xa que se vetaba o pastoreo. O franquismo, en alianza co capitalismo económico, necesitaba madeira para as novas atividades industriais (mineiría, ferrocarril, hidroelétricas, cementeiras, vivendas, etc). O novo desenvolvemento urbano periférico significou emigración e despoboamento rural progresivo. Así a economía agrogandeira perdeu importancia e competitividade sen xeito. Logo o Estado das autonomías creou consellerías de medio ambiente que restrinxiron os aproveitamentos dos bens comunais (madeiras, pastoreo, vivendas, etc) polos concellos rurais. Curioso resulta a proteción administrativa que se fai das grandes empresas (canteiras, louxeiras e eólicas) tan contaminantes fronte ás veciñanzas rurais que non poden plantar arboredo, realizar cultivos agrarios, facer entresacas nos montes, abrir camiños, etc. Está claro que hoxe se impón unha política urbanita (turismo rural temporal, paisaxe salvaxe, baixos prezos agrarios, gasto contra incendios…) que provoca a desfeita total da economía rural.

 

O Bierzo, decembro de 2024.

WWW.BIERZOFREE.BLOGSPOT.COM

Ningún comentario:

Publicar un comentario