luns, 16 de decembro de 2024

CRITICAS Á REAL ACADEMIA GALEGA DESDE O BIERZO.

 

Libro El Bierzo provincial

CRÍTICAS Á REAL ACADEMIA GALEGA,

Por Xabier Lago Mestre.

A Real Academia Galega (RAG) vén de emitir un documento titulado “Declaración institucional da Real Academia Galega a prol dun pacto pola lingua”. Este manifesto amosa a súa preocupación institucional pola grave problemática do idioma galego na Comunidade autónoma. Principalmente salienta a progresiva merma de falantes desta lingua. Ademais propón diversas medidas para mudar esta dinámica negativa. Por suposto que é doado estar dacordo co contido da dita declaración. Agora ben, queremos criticar que se esqueza unha vez máis calquera expresa mención á problemática do galego nas bisbarras estremeiras, Eonavia, Seabra, Val de Xálama e O Bierzo.

                Abraia que os numerosos académicos e correspondentes da devandita Real Academia Galega non tiveran en conta que tamén hai falantes galegos nos ditos territorios lindeiros. Coido que os falantes estremeiros temos dereito e lexitimidade para protestar por este esquecemento, voluntario ou non, da nosa existencia hoxe. Levamos séculos de resistencia ativa contra os gobernos foráneos de Asturias, León, Castela e Estremadura polo mantemento do noso idioma galego. Agora vemos coma se nos ignora á hora de analizar a problemática do galego no ano 2024.



Lembramos que a vella Lei de nomalización lingüística de Galicia (1983) tivo o acerto de lembrar a existencia do galego estremeiro. No seu título V xorde o “Galego exterior”, e no seu artigo lemos “protexer a lingua galega falada en territorios limítrofes con la Comunidade autónoma” (21.2). O idioma galegoasturiano ten recoñecemento no Estatuto de Asturias (art. 2), o galego expresamente admitido no Estatuto de Castela e León (art. 5.3) e a chamada Fala no Estatuto de Estremadura (art. 9.47), declarada ben de interese cultural en 2001. Dende logo non teñen sido doados estes recoñecementos legais para o galego estremeiro porque detrás hai muitas décadas de reivindicación social. Por iso doe tanto que a RAG faga esta desfeita coas nosas minorías estremeiras na súa declaración institucional.

                Máis aló da posible dialetización do galego no noroeste peninsular, todos temos conciencia de falar a mesma lingua. Velaí a luita acotío pola normalización no uso deste idioma fronte á imposición doutros (asturiano, leonés e castelao). Acúsannos de colonizar territorios non galegos, impoñer o ensino do galego, rematar cos dialetos locais, espallar o galego normativo de Compostela, crear toponimias foráneas, fixar sinalización bilingüe, etc. En Asturias din que non se existe o galego senón a fala de eonavia. Pola outra banda, os leonesistas odian o galleguismo lingüístico do Bierzo porque cuestiona a súa identidade territorial e política fronte a Castela.     



Cando temos de ler a declaración antedita sentímonos máis sós aínda. Non hai razón para este novo esquecemento da nosa existencia lingüística. Se morre paseniño o noso galego estremeiro tamén rematará parte do idioma da Comunidade autónoma de Galicia. Tantos académicos sobranceiros e non toman conciencia desta realidade lingüística incuestionable. Será isto polos prexuízos dos académicos ou polos medos a outros conflitos políticos, propios ou foráneos?. Dános igual! nas bisbarras estremeiras seguiremos a resistir mentres haxa falantes orgullosos de falarmos galego.

 

O Bierzo, decembro de 2024.

WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM

Ningún comentario:

Publicar un comentario