VIAXE PARA VILAR FORMOSO E ALMEIDA DA GUARDA.
Por Javier Lago Mestre.
Cada primeiro sábado de mes celébrase mercado mensal en Vilar Formoso. Esta vila portuguesa está na fronteira coa provincia de Salamanca, pegando coa localidade española de Fuentes de Oñoro. Vilar Formoso é ferroviaria e comercial.
Neste senso aproveitamos a nosa nova visita para ver a locomotiva de vapor que alí se conserva. Esta máquina de vapor foi fabricada en Alemaña en 1931 e estivo a traballar para os Caminhos de Ferro Portugueses até a década de 1970. Para os que tivemos familiares ferroviarios foi moi emocionante subir á locomotiva e ver a caldeira, os depósitos de auga de 23.000 litros e de carbón de 7.000 quilos. O gran vehículo ferroviario ten un peso de 138 toneladas, e circulaba a case que 100 quilómetros por hora para o transporte de viaxeiros e mercadorías.
Cercana está a estación ferroviaria que paga a pena ver e fotografar polos seus mosicos azuis con escenas das cidades e vilas desta rota Beira Alta. Dende a praza da estación podemos principiar a andaina polo mercado mensal. Son numerosos os postos de roupa, bolsos, ferramentas, doces, bacallau, pan, menaxe de couciña, zapatería, etc. A longa ringleira de postos supón un lento camiñar e tempo abondo. Queiras ou non sempre hai algo que mercar.
Na praza da estación sentimos a buciña dun tren que vén de chegar. Xa é a hora do xantar. Así pois, entramos nun restaurante, pero temos que agardar ante tanta demanda. Na mesa pedimos, como non, bacallau feito de distintas formas para gozar do mellor prato de Portugal acompañado de bo viño tinto. Para baixar tanta enchenta, augardente, xeado, cafetiño e andaina polas rúas de Vilar Formoso.
VIAXE Á OUTRA VILA DE ALMEIDA.
A 15 quilómetros temos a vila de Almeida, non confundir con Almeida de Sayago. Trátase dunha vila cunha importante historia porque tivo moito protagonismo nas loitas con España. Salientamos a Guerra da Restauraçao, no século XVII, que posibilitou a independencia de Portugal. Nesta época fortificouse a vila con grandes defesas coa colaboración de arquitetos franceses.
Fronte a Almeida os españois fortificaron Ciudad Rodrigo. Pero agora estas dúas localidades están forman unha irmandade turística xa que se promocionan xuntas no exterior con acerto. Incluso teñen un catálogo con planos das dúas coa axuda internacional do Interreg III A ou do Consorcio Tranfronterizo de Ciudades Amuralladas.
A vila vella de Almeida ten poderosas murallas e fosos que ocultan o seu casarío ao exterior. As sús murallas xorden en forma de estrela, con baluartes e rebelims, que dificultaban os ataques. As portas dobres de entrada en curva son outra mostra das intenciois guerreiras. Dentro da zona vellao, se entramos polas portas duplas de S. Francisco, atopamos un grande edificio, era o chamado quartel das esquadras, para aloxamento dos soldados. Máis adiante a igrexa da Misericordia cun fermoso mosico azul exterior, na outra banda, un xardín coa escultura aos mortos da primeira Guerra Mundial.
CAMARA MUNICIPAL DE ALMEIDA.
Subimos para a praza da liberdade onde vemos o edificio do Corpo de Guardia, de 1790. Agora nel temos a Cámara Municipal de Guarda. Enfronte a antiga Veeduría General da Beira, convertido en pazo de Xustiza. Comprobamos, unha e outra vez, como houbo que reconvertir edificios militares en civís coa perda de funciois guerreiras en 1927.
PORTA DE SAN FRANCISCO
Cercano está o axuntamento do século XVI con fermosa arcada. E pegado anda a pequena casa da junta da fegresía. Sentimos envexa de ver o bo trato que hai en Portugal cara as juntas de fegresía, semellantes ás nosas xuntas veciñais ou pedanías da rexión do Bierzo. Máis ao oeste, a porta de San Antonio, con transito curvo e cuberta a proba de bombas. Diante hai un pelourinho ou picota.
Do vello Castelo medieval só quedan os cimentos. Cóntannos que foi unha forte explosión, durante a Guerra napoleónica, a que rematou cos muros deste Castelo. Ao seu carón a torre do reloxo e o cemiterio, onde estivo a igrexa matriz da Señora das Candeias.
No rebelím de Santa Barbara está un polvorín e casa da guarda, do siglo XIX. Salientamos tamén as casamatas, actual museo histórico militar. Estas casamatas ou cuarteis vellos están no baluarte de San Joao de Deus e serviron para aloxamento da infantería. Son instalaciois subterráneas e acollían á poboación, almacenaban víveres, tiñan pozo e cisterna.
EDIFICIO DAS ESCUADRAS
En fin, paga a pena viaxar a estas localidades periféricas de Portugal para recuperar coñecementos históricos comúns de dous países durante séculos enfrontados. Somos de estados veciños pero aínda moi descoñecidos mutuamente.
O Bierzo, abril de 2017.
Ningún comentario:
Publicar un comentario