mércores, 5 de marzo de 2025

O CONSELLO BERCIANO PROGRESA 2025

 

libro  El Bierzo Provincial

O CONSELLO BERCIANO PROGRESA,

Por Xabier Lago Mestre.

En marzo acontece un novo aniversario da aprobación do Estatuto do Bierzo mediante Lei de Cortes de Castela e León aló polo 1991. Para o 2026 serán xa 35 anos de maioria de idade institucional. Atrás quedan xa aqueles ataques ao Consello comarcal de tódalas partes. Os de esquerdas querían un previo plan comarcalizador para Castela e León. Os bercianistas dicían que era pouco recoñecemento institucional cando tiña sido provincia en dúas ocasiois (1486 e 1821). E os leonesistas non deixaban de criticar os intentos da Junta autonómica de dividir territorial e políticamente a súa provincia de León, xa saben iso de “divide e vencerás”.

                Convén recordar aqueles comezos cando non había nin sede para as xuntanzas cormarcais, aínda hoxe seguimos hipotecados cos alugueres do edificio mineiro. Por certo, houbo a petición de cesión do edificio da Deputación en Ponferrada, por suposto dixeron que non (1999). Xa van máis de 30 anos sen sede fixa apesares de tantas promesas oficiais foráneas de cofinanciamento. Por iso hai que agradecer sempre o traballo daqueles primeiros presidentes do Consello comarcal que traballaron pola nosa autonomía sen medios iniciais (Manuel Alonso e Rita Prada).



                Como era ben de agardar, houbo muito que negociar dende unha posición política de grande debilidade. Habia un Lei da Comarca con competencias expresas mais estas estaban nas mans da Junta autonómica e da Deputación leonesa. Como resulta lóxico, quen ten poder institucional non pretende soltalo. Aínda recordamos as resistencias dos presidentes da Deputación de León a ceder competencias ao Bierzo. O Agustín Turiel declaraba que se inhibía na posta en macha da Comarca (agosto de 1991), e o seu sucesor, José Antonio Diez dixo non querer transferir e abogaba incluso pola supresión del Consello comarcal (agosto de 1999).

                Por suposto a Deputación de León foi cedendo algo, concretamente o Servizo de asesoramento a entes locais (SAM) e o plan de pequenas obras rurais, e axuda a financiar o Banco de terras. Sen embargo a Deputación mantén as súas oficinas en Ponferrada que deberían ser xestionadas polo Consello comarcal. Outro tanto podemos dicir da Junta de CeL que fomenta diversas mancomunidades na rexión berciana cuxas competencias deberían ser asumidas polo Consello comarcal dende hai anos se houbera vontade política axeitada. Teimamos en que, tanto a Deputación coma a dita Junta, non van dar facilidades para a necesaria descentralización no Bierzo.



A Comarca do Bierzo executa outras competencias nas áreas de medio ambiente (desbroces de montes e limpeza de caminos), benestar social (proteción de menores, intervención familiar e drogodependentes), promoción económica (programa Leader, feiras, emprego, etc), atención ao cidadao (ventá única e rexistro), promoción turística, cultura, lingua galega, deporte, etc. Somos muitos os bercianos beneficiados coa prestación destes servizos públicos.

                 O Consello comarcal é unha institución tamén política que ten apoiado numerosas vindicaciois do Bierzo, recordamos as manifas mineiras, ferroviarias, sanitarias, económicas, etc. Ter unha institución propia que defenda as nosas demandas é importante. As veces non é doada a relación direta cos outros poderes foráneos, casos da Deputación e da Junta de Castela e León. Sempre terá máis representación e prestixio o presidente do Consello comarcal que calquera dos nosos alcaldes á hora de negociar a solución dos problemas locais.



                Muito tense debatido sobre a viabilidade do Consello comarcal. Sociolóxicamente ninguén nega que na cidadanía existe un sentimento coletivo mui bercianista. Velaí as súas diversas expresiois coma a identidade territorial, a defesa da bandeira Cruceira mentres a leonesa está ausente, a existencia de instituciois propias (Consello comarcal e xuntas veciñais), o Diazo (8 de setembro), mantemento da lingua galega, a conciencia provincialista histórica, etc. Dende León non se entende este complexo bercianismo xa que non existe nada semellante no resto de comarcas da súa rexión chairega. E de nada teñen servido os ataques foráneos para devaluar o susodito bercianismo político, institucional ou cultural, porque O Bierzo é unha marca simbólica de proxeción nacional.

O Consello comarcal segue xestionando políticas públicas, ademáis de fornecer o bercianismo territorial, institucional e simbólico. Cunha modesta política de negociación vai conseguindo, de xeito continuado, a sinatura de acordos marcos entre Junta de CeL e Consello comarcal que serven para financiar a asunción das súas competencias. Incluso está a piques de fixarse un novo acordo para as vindeiras datas deste 2025. Por suposto que este sistema de coperación non é o mellor para o funcionamento da Comarca porque hai exceso de dependencia financeira allea. Agora ben, sabemos que a institución máis poderosa (Junta CeL) é quen establece as regras deste xogo político no que estamos participando dende 1991.



Entendemos que o Consello comarcal nestes 34 anos de dinámica política está a progresar institucionalmente. De seguro que mellor sería ter xa a desexada provincia mais  tomamos experiencia política fronte a instituciois máis fortes (Junta e Deputación). Que ninguén dá autonomía ao Bierzo por nada, hai que sabela conquistar con presión e negociación. Mentres nos conceden a provincia ou a rexión, seguimos aprofundar no que ofrece o Estatuto do Bierzo coma fórmula política do autonomismo.

O Bierzo, marzo de 2025.

Ningún comentario:

Publicar un comentario