sábado, 3 de decembro de 2016

REFLEXAO SOBRE A LINGUA GALEGA DO BIERZO.


REFLEXAO SOBRE A LINGUA GALEGA DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre,
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo,
falaceibe@yahoo.es

No Bierzo a comunidade galegofalante segue a loitar pola súa existencia. Non se poden negar as graves dificultades que hai. A despoboación do medio rural supón a desaparición do noso patrimonio cultural. A emigración da mocidade significa perda de falantes e ruptura do relevo xeracional. Ademais, o envellecemento da poboación, os nosos mellores falantes, provoca a falta de dinamismo cultural.
A inclusión do galego dentro do ensino público regrado ten sido un éxito. Pero isto non é abondo para garantir a existencia do galego no Bierzo porque non hai unha normalización sociolingüística. Referímonos a que o galego existe en reducidos recunchos, casos dos ámbitos familiar, veciñal e rural, non así nos urbanos ou nas administraciois públicas. Somos unha minoría lingüística moi forzada pola castelanización xeneralizada.


AS DIFERENCIAS REIVINDICATIVAS.

Froito desta minoría cultural galega do Bierzo é un escaso movemento reivindicativo. Faise o pouco que se pode con escasos medios humanos, materiais e económicos. Un movemento que non consegue xuntar a todos e todas. A razón disto está no desinterese dos propios falantes, contaxiados polo derrotismo cultural. Hai diferenzas polo dialetismo berciano, a normativa galega ou o reintegracionismo. Alguis non entendemos estas discusiois menores verbo dunha mesma lingua porque a liberdade debe primar por enriba de todo. Unha deriva disto é a diversidade ideolóxica, bercianista, galegueira e leonesista, novo debate derivado dos nosos prexuízos uniformistas.




O ATIVISMO DE BAIXO NIVEL.

Seguimos a ter un ativismo baixo por mor do escaso dinamismo cultural. O galego non se defende só con ocasionais actos culturais, casos dos celebrados aniversarios dos nosos escritores (Sarmiento, Morales, etc), con festivais escolares ou xornadas universitarias de debate. Por suposto estes actos culturais illados teñen grande repercusión mediática durante escasos días ao ano.


Todo o anterior está ben pero non é suficiente para estimular a concienciación social e maila participación. Apostamos por un traballo acotío de acordo coas nosas pequenas posibilidades. Un bo medio é a través das novas tecnoloxías da información. Con elas podemos  achegarnos a un amplo grupo da poboación. Este uso diario do galego favorece o seu coñecemento, prestixio e modernidade. Con isto favorecemos a loita contra os prexuízos antigalegos (ruralidade, fala, de vellos, terruño, etc).

POLO MEDIO DE COMUNICACIÓN NOSO.

Cómpre pois contar cun medio de comunicación alternativo na internet. Só así podemos espallar o galeguismo cultural que fomentamos. Para iso precisamos un compromiso militante coa información no portal, blogue e redes sociais. Resulta importante acadar unha diversidade de contidos (cultura, deportes, turismo, educación, etc) para prestar un servizo público de calidade. Trala consolidación no tempo e do grupo de traballo incluso se poderían fixar os termos da competencia mediática con outros medios informativos da rexión berciana.


O galego do Bierzo ten que ser inovador e fuxir dos prexuízos tradicionalistas no século XXI. Esta lingua pode dar voz aos sen voz, servir de voceiro social. Por qué non confiar nesta utopía lingüística?. Hai moitos grupos humanos deseosos de reacionar ante tanta inxustiza que non ten eco social. O dito medio de comunicación galegoberciano pode cumprir esas novas funciois que demanda a cidadanía. 

PRODUTO ATRATIVO PARA OS CASTELAOFALANTES.

Por certo, nada empece que o proxeto social sexa bilingüe. Os novos falantes teñen que vir da maioría castelaofalante e mailos inmigrantes estranxeiros. Pódese contar coa participación doutros territorios estremeiros (Naviaeo, Valdeorras, etc), ademais da Galiza e Portugal. 


Para rematar, dicir que convén presentar o noso galego cun novo atrativo para os bercianos e as bercianas. Hai que cavilar nas diversas dinámicas lingüísticas. Primeiro contacto cun galego atraínte e visual. Segundo, a asimilación do galego mediante a aprendizaxe estimulante. E terceiro, a exteriorización co seu uso individual e coletivo. 

O Bierzo, decembro de 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario