AS SEARAS COMUNAIS
NOS MONTES BERCIANOS,
Por Xabier Lago
Mestre, Pte. Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es
www.bierzofree.blogspot.com
Na economía rural berciana tivo moita importancia a explotación
do monte, como achega complementaría de recursos para as familias das aldeas
das zonas altas. Durante séculos os veciños acudiron ao monte para acadaren variados
produtos agrarios, gandeiros e forestais. Foi nas décadas do 60 e 70 do século
XX cando a explotación comunal dos montes se desmoronou por mor da emigración de xentes
cara a Madrid, Catalunya, Euscadi e demais.
O
monte berciano tiña unha peculiar forma de explotación, trátase da Seara (tamén
senras). Parte do monte das aldeas era cavado, mediante a Cavada de toxos,
xestas, uces, carqueixas, carpazas, silveiras e demais. Esta cavada servía para
forzar o crecemento de futuros pastos do gando e cultivo de cereal como o
centeo. A dita cavada tiña lugar cada 10 anos, tempo de descanso forzado,
durante o cal estas terras de montaña recuperaban certa produtividade. A Seara
realizábase de xeito colectivo coa participación de todos os veciños da aldea,
baixo a organización do concello. A título de exemplo, a cavada en Mosteirós
principiaba no mes de maio, despois se deixaba secar a vexetación; entre os días
de Santiago (25 de xullo) e S. Lorenzo (10 de agosto) metíase fogo ao monte. Nos
veráns era común ver no Bierzo multitude de columnas de fume que se erguían
cara ao ceo.
Temos
pois o seguinte proceso complexo da seara: primeiro convócase polo pedáneo aos
veciños, con gando maior e instrumentos de labranza, segundo rómpese a parte do
monte coa correspondente roza, terceiro a queima da broza (toxos, fentos,
silvas, carqueixas…), cuarto a cavada de maio a xuño, quinto arada utilizando a
gambela para sacar as raíceiras, sexto paso consistía en apicañar (amorear) os
terrois en tolas ou borrellas, prendéndoas posteriormente, sétimo espállase a
borralla de cinza polo terreo estivado, oitavo nova arada, noveno sementábase
en setembro para o centeo, décimo a seitura co fouciño, undécimo atado dos
mangados en mollos, duodécimo carrexada dos feixes ata a aira, décimo terceiro
mallada cos maios de madeira para separar palla do gran, derradeiro lévase a
colleita á casa do concello e reparto entre os veciños do froito. Isto último acontecía
nas aldeas da Cabreira, quizais pola influencia dos foros colectivos que
formentaron máis o traballo colectivo. Noutras zonas había reparto de terreos
por suertes ou quiñóns para o cultivo individualizado dos veciños.
Outra
terminoloxía relacionada temos nas Poulas que son os terreos que se deixan sen
cultivar (barbeito) para pasto en inverno do gando. Polo que se refire ás Bouzas,
son terreos incultos poboados de mato formado por toxos, xestas, uces e demais.
O Ceibo na comarca da Cabreira é un terreo comunal para rozar. Normalmente os
chamados Chanos ou Chaos (chairas altas) e os Cembos (prominencias dos terreos
baixos) adícanse a terrazgos temporais, mentres que nas Campas e os Lombos
(cordas entre vales) estaban as Brañas para o gando en verán.
As
Suertes eran os lotes en que se partillaba o monte a fin de repartir as terras
de labor, a leña, a herba, as follas, os froitos e demais. Tamén temos os
Quiñóns que son as porciois de terra comunal para o usofroito temporal ou
perpetuo de veciños. Os ditos quiñóns e suertes distribuíanse entre os veciños
mediante sorteo. Os terreos dividíanse con testigas (mojón) para asegurar lindes.
Tamén se utilizaban murias, lindeiros, pedras fitas, marcos, estremas (franxa
de terra), derregas (sucos), etc. As parcelas resultantes da seara, no Bierzo
occidental e O Courel, tiñan nomes segundo a súa forma, así temos os Tallos
(rectangulares en terreos pendentes), as Latas (rectangulares en terreos
chairos),os Cadros (cadrados) e Rechave (mestura de formas anteriores).
No Bierzo
aínda atopamos na nosa toponimia numerosas referencias a estes termos, casos de
Bouzas (concello de Ponferrada), Suertes e Fumeixín en Candín, Poza da Seara en
Espiñareda de Ancares, Redebouzas e A Bouza ao sur da Veiga de Espiñareda, As
Cavadas, As Suertes e O Boucín en Berlanga, O Buizarón en Benuza, A Queimada en
S. Tirso de Lardeira, Rodebouzas en S. Pedro de Paradela, Valcabado, O Bouzón e
As Suertes en Fabeiro, Os Quiñois en Argaio do Sil, Queimadonas en Lillo do
Bierzo, As Rozadas de Moral de Valcarce, A Poula en S. Clemente de Valdueza, O
Poulón en S. Adrián de Valdueza, O Bouzón de Cabeza de Campo, A Queimada en
Hornixa, As Bouzas na Braña da Veiga de Valcarce, A Rozana en S. Xulián de
Paluezas, O Cerro de Bouzas de Villarrando, A Seara no Courel, etcétera.
O Bierzo, junio de 2016.
www.bierzofree.blogspot.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario