AS GUERRAS CONTRA PORTUGAL,
Por Xabier Lago Mestre.
No século XVII as ambiciois territoriais da Coroa de Castela
forzaron a participación en numerosas guerras internacionais. Neste caso imos
ver o que tivo lugar entre Castela e Portugal desde 1640 e que significou a
recuperación da independencia do país luso. Pescudaremos nas consecuencias que
tivo a contenda militar para a nosa provincia do Bierzo.
Trala
declaración de guerra, Castela atacou desde diversos frentes, Galicia, Seabra,
Ciudad Rodrigo, Estremadura, etc. Polo que nos toca, referímonos ás incursiois
militares desde A Poboa de Seabra en terras de Tras os Montes, que contaba coa
capital fortificada de Bragança. Portugal reaxir de inmediato cos seus ataques
polas comarcas da Seabra e Alcañices, metendo fogo na localidade de Lubían, na
provincia de Zamora. E así aconteceu durante os sucesivos anos até o fin da chamada
guerra da Restauraçao.
Voltamos a
Poboa de Seabra porque nesta vila acudían a milicias bercianas e leonesas para
a súa defesa ante os lusos. Esas compañías concellís eran de Astorga, Bembibre,
Vilafranca, Saldaña, Cea e mailas Omañas. Polo que se refire aos bercianos,
tiñan que saír da provincia do Bierzo e subir pola Valdoza, agatuñar os montes
Aquilanos, depois atravesar A Cabreira Baixa polas localidades de Sigueia,
Silván e A Baña. Para de novo ascender até o collado Faedo, xunta pena Negra
(2029 m.), e baixar para A Seabra polo
Xistral (1892 m.). A seguir polo val do río Trefacio e pasar polas localidades de
san Ciprian e Trefacio, até chegar ao castelo Pobóa de Seabra. Dende logo, un
longo percorrido para as compañías bercianas.
AS PROTESTAS BERCIANAS.
Por suposto,
as continuas levas de milicianos para as numerosas guerras internacionais de
Castela ocasionaron protestas bercianas pola despoboación. A isto engadimos os
gastos militares (bagaxes, aloxamentos e alimento de soldados, cebada e palla
para os animais…). Salientamos algún exemplos deste descontento. Ponferrada queixouse
dos repartimentos de soldados feitos polo corrixidor de León (1648), “las
personas que envían con los soldados, los prenden, hacen excesivas vejaciones”,
polo que A Coroa concedeu a Ponferrada protagonismo no dito reparto militar. Protestas
bercianas que continúan en 1653 contra León, agora pola paga do servizo para a
guerra de Catalunya, mais o Consejo Real dictou sentencia favorable a la cidade
ao ano seguinte.
En Bembibre houbo un forte preito
entre os fidalgos e pecheros pola defesa dos privilexios de non ir a guerrear.
Un conflito que durou de 1648 até 1668, data en que rematou a guerra con
Portugal e quedou resolto o problema dos alistamentos. Os fidalgos da
xurisdición do mosteiro de san Andrés de Espiñareda tamén se resistiron a pagar
ao cuartel de Ponferrada polos gastos
militares (1662). Sobrado de Aguiar resístese ao pago dos infantes de Catalunya
(1658 e 1661). En 1695 veciños de Aguiar declaranse ser fidalgos para non
alistarse. Incluso os representantes
reais tiveron que fuxir, tras tocar as campás a concello, “para que se juntasen
los vecinos y estos procuradores, que recobrasse la orden que tenía entregada,
y que se saliese de la jurisdición a toda dilixencia”. Exemplos do cansanzo da
veciñanza con tanto discrecional e forzado alistamento de milicianos bercianos.
Ademais, incluso os bercianos tiveron
que marchar para Ciudad Rodrigo (1663) para a defesa da fronteira salamantina. Coma
colmo houbo un pedimento ao corrixidor de Ponferrada de soldados para
Estremadura, en 1658, por parte do chamado Principe de Estillano. Tampouco
faltaron recrutamentos periódicos para Catalunha e Flandes.
RECRUTAMENTOS DESDE GALICIA E LEÓN.
Todos ben
sabemos da posición estratéxica do Bierzo entre os reinos de León e Galicia.
Pois isto ocasionou problemas derivados dos recrutamentos ordenados desde esas
terras veciñas. En 1641 Ponferrada
denunciou os alistamentos de bercianos que se mandaban facer desde Galicia, o
propio duque de Benavente parou eses mandatos foráneos. O finado historiador
José Rodríguez Cubero descubre un documento, de 1642, que indica que se
demandaron soldados bercianos polo marqués de Tarazona para Monterrei, polo
conde de Benavente, polo marqués de Valparaiso que era daquela gobernador de
Galicia, polo conde de Luna e tamén polo duque de Alba para Ciudad Rodrigo.
Pedimentos abusivos de bercianos que forzaron a despoboción da nosa provincia
do Bierzo.
A DEFESA DE PONFERRADA.
Ante os ataques portugueses pola
fronteira seca da Seabra, Ponferrada organizou a defesa desta provincia. O
centro militar elixido sería o vello castelo desta vila. Alúdese a que hai
“ordenes de su Majestad para que se guarneciese
y guardase el castillo y fortaleza que hay en ella” (1642). Pois había
temores de ataques portugueses como os que sufriu a fortaleza de Ciudad
Rodrigo. Fálase de facer repartimento de cartos, reconto de armas, arranxos no
castelo, etc. Finalmente, o exército luso non ousou adentrarse no Bierzo ,
sempre ben gardado polos altos montes Aquilanos e a serra da Cabreira.
AS RELACIOIS HISPANO PORTUGUESAS.
En 1668 rematou a guerra coa
independenza de Portugal. A conflitiva política internacional de España e a
difícil política rexional, caso de Catalunya, facilitaron a vitoria do país
luso. O certo é que como consecuencia da dita contenda restaron malas relaciois
políticas. Portugal non esqueceu xamais este problema peninsular. A literatura
popular ben recorda aínda, “de Espanha nem bom vento, nim bom casamento”.
Consecuencia dos malos casamentos entre as casas reais respeitivas de Castela e
Portugal. Ademais da sátira política da Idade Moderna tiramos, “con intrincado
nó, com duro laço, foi com Castela Portugal unido” (Domingo Pereira, Banquete,
1642). Outra, “Portugal e mais Castella nunca fueron bien casados, agora estáo
apartados, dizem que sem querer ella” (Mote e Grosas que se fez na aclamación
del Rei don Joao).
Polo que toca ao Bierzo, o antiguo cancioneiro
popular transmite, “Bercianos milicianos, caminamos, subimos los Aquilanos. La
Cabrera nos desespera. Seabra sea. La Puebla se rebela, contra los abusos
lusos”. Oxalá nunca xamais volten eses tempos de loucos desencontros entre
veciños.
O Bierzo, setembro de 2024.
WWW.BIERZOFREE.BLOGSPOT.COM
Ningún comentario:
Publicar un comentario