MÁIS PRESENZA DO GALEGO ESTREMEIRO,
Por Xabier Lago Mestre,
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
Sempre que hai mobilizaciois polo
galego en Compostela botamos de menos o protagonismo das comunidades falantes
estremeiras. Si, deses falantes do Eonavia, O Bierzo, As Portelas e do val de
Xalima. Por suposto, non nos referimos á presenza física de veciñanza destas
bisbarras tan alonxadas, senón a que nos manifestos vindicativos non hai
referencia a estes territorios. Que menos que unha mención ás nosas
problemáticas lingüísticas e a colocación simbólica nas tribunas das nosas
bandeiras territoriais, a Cruceira no caso do Bierzo.
Está
moi ben a vindeira reivindicación social fronte á diminución de falantes na
Comunidade autónoma da Galiza, contra a falta de obxetividade da TVG, a demanda
doutra lexislación lingüística alternativa ou as queixas pola falta de atención
en galego ante as administraciois públicas. Como non pode ser doutro xeito,
dende as bisbarras estremeiras apoiamos todos eses puntos dos manifestos. Agora
ben, hoxe coma tantas veces antes, dicimos que falta a lóxica mención da
problemática das ditas zonas lindeiras coa Galiza. Merecemos outro trato social
e institucional pola defesa que facemos acotío da lingua galega. Ben sabedes da
resistencia mediática que hai hoxe por parte da comunidade do Eonavia ante a
presión asturianista que nega a presenza do galego.
Por
suposto, neste caso imos referirnos á problemática do Bierzo. Territorio onde
sufrimos os ataques do leonesismo político que non admite a existencia
histórica do galego, nin agora o medre paseniño desta lingua na súa provincia.
Outro tanto acontece coas instituciois foráneas. A Junta de Castela e León fai
unha política de mínimos polo galego, sen conceder a coficialidade, nin
presenza na televisión autonómica, nin nas administraciois locais. Pola outra
banda, a Deputación de León non delega a competencia en materia cultural ao
Consello comarcal berciano, no que se refire á promoción do galego, e
Universidade de León ignora o noso galego mentres apoia a súa lingua leonesa
nas súas atividades académicas.
A
resistencia berciana polo galego vén de lonxe e tamén hai vitorias. Recordamos
o recoñecemento expreso do galego no Estatuto de autonomía de Castela e León
(ano 1999) e na Lei da Comarca do Bierzo (1991), iso si, os políticos de
Valladolid negaron sempre a coficialidade. Tampouco as Cortes conceden aprobar
unha Lei de linguas minoritarias de Castela e León para o galego, leonés e
eusquera. Por mor dun protocolo interinstitucional, Xunta de Galicia e Junta de
Castela e León, podemos estudar galego de xeito voluntario nalgúns colexios do
Bierzo e Seabra, mentres nos negan aínda ese ensino noutros centros de zonas
galegofalantes. Por suposto, non se entende que non haxa xa un protocolo
semellante para que se poida utilizar o galego, de xeito parcial, nas
administraciois locais (concellos e pedanías).
Apesar
de todo, o galego medra no Bierzo. Só hai que ver as reacióis negativas do
leonesismo, político e cultural, cando se menciona a presenza desta lingua,
obxeto de acusaciois de colonialismo alleo e execución forzada, xa que para
León cuestiona a unidade territorial e cultural da súa provincia histórica. E
medra o galego cando segue tendo demanda nos centros escolares do Bierzo, curso
tras curso. Outro tanto acontece coa criticada RTVG, que ten audiencia abonda
no Bierzo, coma medio de transmisión cultural chave.
A
defesa do galego no Bierzo está moi viva. Regularmente xorden comunicados
vindicativos nos medios de información, provinciais e comarcais. Algúns
dixitais xa permiten o uso escrito do galego de xeito regular. Máis común é a
presenza do galego nas redes sociais en grupos relacionados co Bierzo. Todo o
comentado permite un maior prestixio progresivo do galego, con novas dinámicas
sociais, entre os vellos falantes (tradición familiar), atrainte para os
neofalantes (bilingüismo) e cun menor rexeito polos castelaofalantes (ausencia
de ameazas).
Convén
que na Galiza saiban máis da problemática cultural dos territorios estremeiros.
Porque se pode facer máis polo noso galego dende fóra. A colaboración
interinstitucional debe potenciarse nas materias de ensino, administraciois locais,
RTVG, turismo, estradas rurais veciñais, toponimia, etc. A verdade é que as
universidades galegas poden facer outro tanto polo galego estremeiro se
comprometen ás universidades de León e Oviedo en proxetos educativos e de
investigación. En materia turística, hai zonas naturais que se deben
promocionar de xeito conxunto, Deputaciois galegas e Consello comarcal
berciano, casos dos Ancares, Enciña da Lastra, explotaciois auríferas do Sil,
Camiño de inverno, etc. Botamos en falta unha maior atención informativa na
TVG, sabedores da importancia que este medio ten na normalización lingüística,
por iso demandamos a colaboaciois das televisiois rexionais veciñais. Outro
tanto cabe pedir aos medios dixitais de Galiza para que teñan máis en conta ás
comunidades estremeiras nas súas informaciois.
As
ditas minorías lingüísticas galegas non poden ser abandonadas á nosa sorte. Non
queremos sentirnos máis alonxadas da Galiza apesar dos lindeiros políticos que
nos afastan. Resistimos porque somos sufridores históricamente fronte tanta
desfeita foránea, mais tamén otimistas coas novas xeraciois, por iso berraremos
sempre “os tempos son chegados”.
www.obierzoceibe.blogspot.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario