A TOPONIMIA DE VILAFRANCA DO
BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
Vilafranca do Bierzo é unha
importante localidade do Camiño de Santiago. Ademais identificamos Vilafranca
cun amplo municipio hoxe. Máis antigamente foi unha xurisdición formada por 13
aldeas, e tamén deu nome a un grande marquesado señorial da Idade Moderna. Agora
trataremos de pescudar na pequeña toponimia que conserva a vila e contorna.
Por
suposto para saber da toponimia histórica consultaremos os vellos textos medievais
que conservan os tumbos monásticos. A primeira referencia da nosa localidade
foi Burbia. Nun documento de 1120 xorden os dous topónimos xuntos, “sita estin
villa Burvia, que alio nomine nuncupatur Villa Franca”. Cando se populariza o
nome de Vilafranca, engádese a expresión “cerca de Valcalce”. O rei Afonso IX
concede foro en lingua galega a Vilafranca en 1192, mais a vila xa tiña certa
organización previa co seu concello (1152) e mailo mercado (1147). Aínda hai
debate sobre a razón da nova denominación de Vilafranca, se foi pola presenza
de francos (relacionados co mosteiro do Cruñego), pola concesión real de foro
vilego cos correspondentes dereitos francos ou por ser terreo aberto fóra do
Valcarce.
A
organización interna de Vilafranca dependeu das primitivas igrexas (Santiago,
Nicolás, Catalina…). Sabemos dos vellos nomes dos primeiros barrios (Seco,
Falcón, Santi Espiritus, Santiago…). A isto hai que engadir a presenza de novos
barrios periféricos, fóra da cerca e das portas, Salvador, Concepción, Tejedores
ou A Granxa.
Do
século XIV o mosteiro de Cluni achega outros documentos, “en el dicho lugar de
Villafranca, e ias u dicen Cucelo, so signo de Santa María de Villela, e ha
términos de vinna de vos mismos, e por términos vinna de San Bras (1376)”. Ese
Cucelo (sic) recorda o topónimo Cotelo de hoxe. Lemos a peculiar grafía medieval
ll e nn en lugar de l e ñ respectivamente, éstas propias da oralidade local.
No
Cartulario do mosteiro de Carracedo temos varios documentos que nos falan da
toponimia de Vilafranca. “Duas vinnas que eu ei en Villafranca, su signo de
Sancta María de Crunnego. Una destas vinnas chaman a vinna das Troitas (…),
outra vinna chaman das Fontainas” (1312). Neses tempos sabemos da existencia
dun vello castelo, anterior á fortaleza dos marqueses, “una bodega del
monasterio que es en el castello, en la colación de Santiago” (1408). E non
todo eran viñas, “cerca dese lugar de Villafranca, o disen la Devesa, so signo
de Santiago”.
Se
estudamos o tumbo do cenobio de Santo Andrés de Espiñareda, atopamos tamén
referencias a Vilafranca. “El poulo iaz hu chaman Bergonno, per términos de
Nicholao Paleyro e Domingo Perez Capellan de San Nicolao, e pela carrera
antigua a Val de Aquil” (1266). Incluso con menciois aos concellos populares no
Campairo, “concello de Villafranca ayuntado en la eglesia de san Nicolao de
Villafranca” (1290). Como temos visto, os sucesivos escribanos e monxes
utilizaban a grafia que coñecían en cada época, onde non resulta estraña a
lingua romance galega.
Para
saber da toponimia do século XVIII relemos o tumbo do priorato do Cebreiro. Así
atopamos “una viña sita en Cotelo, término de Villafranca” (1755), e outro
texto, refírese a un foro de viña “na Pedreira, término de Villafranca,
colindante con camino y jardín do marqués de Villafranca” (1756). Os grandes
propietarios (laicos e eclesiásticos), controlan a terra, caso do convento da
Asunción de Vilafranca que paga por unha viña sita no Toleiro (1760). Topónimos
galegobercianos continúan en textos casteláns, “por el medio día camino de
carro que baja al sitio que llaman Millaradelo y da con el de Fompombeiro”
(1788).
Na
propia Vilafranca temos numerosos topónimos ben galegos. Casos do regueiro Barbuliña
e a praza da Xirula. A praza do Campairo perdeu a súa igrexa medieval de San
Nicolás, e con ela, desapareceron as xuntas do concello e o seu mercado vello.
O Campo baixo recorda o Campo Cruñego ou san Antonio que perdeu terreo comunal
para dar orixe ao xardín da Alameda no século XIX. Por certo, o propio pai
Enríquez Flórez, no seu libro “La España Sagrada” (s.XVIII), apunta “Ntra. Sra.
que llamaron de Cluniaco (vulgarmente Cruñego)”, nome claramente galeguizado
polos falantes.
Os
ríos sempre tiveron muito protagonismo, casos do Burbia e Valcarce. Ademais
doutras correntes ocasionais que baixaron pola paraxe dos Baños, calexón do
Pino e campo da Galiña. Velaí a importancia dos topónimos acuáticos, nos casos
de ponte novo, puntecillo e regueiro Barbuliña. Secularmente as enchentas
baixaban polas costas descritas para a rúa da Agua. Curiosamente, esta rúa tivo
diferentes denominaciois históricas. Recordamos da Agua (popular), tamén chamada
A Rúa (medieval), Ribadeo (ferrocarril a Villaodrid) e do almirante Topete
(guerra de Cuba), segundo os sucesivos mandatos políticos. Os gobernos de turno
impuxeron Comandante Manso (Campo baixo), Fernández Marva (Campairo), praza
Generalísimo (praza maior), praza don Pío (arrendador e cacique local) ou Calvo
Sotelo (A Pedreira).
Vilafranca
é moi monumental e isto modifica a traza urbana e maila nova toponimia. Houbo
muralla ou cerca medieval, coas súas portas (mercado, cárcava, A Rúa e Vilela).
Os máis significativos edificios arquitetónicos condicionan rueiros (Castelo,
Anunciada, Colexiata, Concepción, estación, etc). A título de exemplo, houbo
castelo anterior ao dos marqueses, “en el castello, en la collación de
Santiago” (1408). Outro tanto acontece cos casaríos relacionados coas fontes comunais
(san Lázaro, Cubero, Trivijano, Quintano, Libertad…). O terrádego agrario,
xunta os ríos, salientaba na Granxa, As Veigas, As Calellas ou A Ruquela, cheos
de hortiñas familiares. A lóxica expansión urbana secular medrou polos novos
barrios da Rúa nova, As Veigas, Granxa, ademáis das urbanizaciois (Cotelo e
Guindaledo).
Aínda
hoxe, nos pagos viñateiros de Vilafranca atopamos topónimos ben galegos. Ao sur
da antiga estrada nacional VI existen Tolleiro, As Chas, A Cabana, Fumpumbeiro,
Cabalo latoso, Cerezais, regueira de Toleiro, camiño de Vilela, etc. Queremos
que eses vellos topónimos non se castelanicen coas perdas do artigo galego, dos
sufixos, etc. porque como tais forman parte do noso patrimonio lingüístico
berciano secular. Mais os perigos impositivos axexan por doquier, coas
concentraciois parcelarias, as novas vías de comunicación terrestres, os
polígonos industriais, etc.
O Bierzo, novembro de 2024.
Ningún comentario:
Publicar un comentario