xoves, 19 de decembro de 2024

A NOSA HISTORIA PROVINCIAL BERCIANA.

 

libro El Bierzo provincial 


NOSA HISTORIA PROVINCIAL BERCIANA,

Por Xabier Lago Mestre.

Sempre que hai un novo pulo leonesista pola súa autonomía rexional renace o debate bercianista. Si, ese que se refire a que se se crea a rexión leonesa habería que reclamar a recuperación da provincia do Bierzo. Pro suposto, o alcalde de León di, primeiro acadar a rexión leonesa e depois xa virá quizais esa provincia berciana. No fondo sempre cuestionan a provincia do Bierzo. Para o leonesismo político ese é un obxetivo subordinado e secundario. A historiografía leonesa admite que a nosa provincia carece de interese ante o grande reino medieval leonés.

                O certo é que o Bicentenario da provincia do Bierzo (2021) vai significar a data da dignificación desta institución. As pescudas historiográficas teñen valorizado as dúas provincias, a do Antigo réxime e a liberal de Vilafranca. Recordamos que foron os Reis católicos os que crearon a provincia berciana en 1486, trala derrota do conde de Lemos. Eliminar ese poder señorial supuxo fixar un novo poder reguengo. A Coroa puido así reorganizar este territorio (denominación, delimitación, institucionalización, burocratización, etc) de cara a inserilo mellor nas variadas dinámicas reais (goberno, fiscalidade, militarización, etc). Para executar as políticas reais se estableceron sucesivos correxidores na capital da provincia do Bierzo, Ponferrada, ademáis da nova burocratización (oficiais, lingua escrita castelá, documentación…). Por suposto, que esta institucionalización provincial foi de mínimos ao inicio mais medrou progresivamente co paso dos séculos.



                Esta provincia da Idade moderna (séculos XVI ao XVIII) creou unha identidade coletiva berciana, a nivel territorial e institucional, que se estendeu polos territorios máis estremeiros (Fornela, Valcarce, Aguiar, A Cabreira, etc). A isto contribuiu a xerarquía funcional de Ponferrada porque as relaciois acotío con ela, de toda tipoloxía (xudicial, gobernativa, comercial, fiscal, militar…) estableceron novos vincallos entre todos os bercianos que forneceron a socialización desde lugares mui lonxanos (montañas, vales, aldeas…). Mentres que Vilafranca tamén foi centro funcional menor, alternativo ao ser capital do amplo marquesado.

                Nos arquivos atopamos centos de legaxos onde xorden numerosas referencias á provincia do Bierzo. Referímonos a documentos reais (Consello real), xudiciais (Chancelería de Valladolid), militares (Sarxentía maior de León), fiscais (Contaduría, Rentas, Tesourería…), etc. Incluso nas actas da Cortes de Castilla hai demandas bercianas claras, “poque hiço esta gracia al Reyno de Galicia y demás lugares referidos de la provincia de León son los mismos que se vale la provincia de Ponferrada” (1657). Si, lemos tres identidades territoriais e institucionais, a saber, reino de Galicia e provincias de León y Ponferrada. Por suposto, a cartografía fixo unha peculiar representación espacial do Bierzo, coma territorio ben illado polas montañas de Galicia, Asturias e León. Incluso o xeógrafo Tomás López debuxou un mapa no que consta expresamente a nosa provincia do Bierzo (1786), individualizada da provincia de León.   



                A comezos do século XIX ten lugar a guerra napoleónica que ataca o réxime señorial. Situación que é aproveitada polo sistema político liberal para derrubar o Antigo réxime. Velaí a eliminación das antigas instituciois coma as provincias, tribunais, señoríos, concellos, etc. Por suposto, créanse novas instituciois ao servizo do novo réxime político, caso das provincias. Entre elas a de Vilafranca do Bierzo, tan diferente da anterior, co seu xefe político e deputación colexial. Por desgraza a reación monárquica derrotou aos liberáis do Trienio liberal (1823) e facilitou a volta do réxime absolutista. A seguir, os provincialistas bercianos seguiron reclamando a recuperación da provincia, sen resultado positivo ante o medre do rexionalismo periférico español.

                O provincialismo histórico berciano ten sido reinterpretado. Durante séculos houbo un descoñecemento secular por parte da meirande  parte da cidadanía, políticos e inteletuais. A chegada da Estado autonómico posibilitou a reclamación provincialista, aínda que non se mudou o mapa provincial español, e houbo que conformarse coa creación da Comarcal legal (1991). No século XXI, o provincialismo histórico berciano tamén fundamenta as reclamaciois descentralizadoras fronte á Junta de Castela e León e Deputación de León. O Bierzo ten lexitimidade histórica para reclamar o axeitado recoñecemento territorial e institucional. Sen embargo, hai certo leonesismo que segue a negar a descentralización para O Bierzo porque acusan de dividir a provincia leonesa coa existencia da Comarca de hoxe, e outro tanto acontece co fomento da perigosa lingua galega que cualifican de foránea. Canto descoñecemento da historia e da cultura do Bierzo aínda!.

 

O Bierzo, decembro de 2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario